Silleda - Historia de Silleda - RSS Silleda - Historia de Silleda - RSS http://www.silleda.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=21 HISTORIA http://www.silleda.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=21&solo_caja=15

Os primeiros rastros de poboamento atopámolos nos campos de mámoas datados na Idade de Bronce. Da época castrexa son numerosos os vestixios, entre os que cabe destacar, Castro Montaz e Castro do Cura en Cortegada, o Castro de O Castro ou A Eira dos Mouros en Os Castros-Silleda. Outros exemplos a salientar, son: os petroglifos de A Pena das Cazolas, A Peneda do Encanto, a Mámoa da Braña, os gravados de Primadorno. Tamén as brazaletas de ouro de 24 kilates atopadas no lugar de Barravaite, en Lamela, hoxe no Museo de Pontevedra forman parte do rico patrimonio histórico.

Historia Antiga


Silleda entra na historia, durante a época sueva no século VI. Segundo as "Escrituras Lucenses" do Concilio de Lugo que se celebrou no ano 569, sendo bispo Nitigio e reinando Teodomiro, acordouse facer unha nova división da diócese e outra dos condados. Por este acordo constituise o Condado de Deza que comprendía as terras de Deza, TRASDEZA (Silleda), Carbia e Dozón. A historia de Silleda, é durante séculos a mesma ca do Condado de Deza, ó que pertenece. O primeiro conde foi Andeca.

Idade Media e posteriores


Entre os séculos XI e XIII levantáronse numerosas igrexas románicas de moi fermosa fábrica entre as que merece a pena visitar, Ansemil, Breixa, Dornelas. O Castro e Taboada.

Da época feudal datan importantes torres e fortalezas; así: Chapa, Cira, Costela, Férveda, Rellas, O Foxo, desaparecidas na súa mayor parte. Tan só Cira conserva maxestuosa a torre da homenaxe.

A etapa dos pazos deixou importantes exemplares como os de Trasfontao, Cascaxide, Paizás, Viña, Marza, Fares e Sestelo.

Idade Contemporánea

A 
Idade Contemporánea trouxo a Silleda un novo período de loitas. A invasión francesa alterou a pacífica convivencia dos veciños destas terras, escenario de loitas contra o invasor en Taboada (imaxe á dereita), Cira e Bandeira. É histórica a data do 3 de marzo de 1809 cando se reuniron os abades de dezaoito parroquias de Trasdeza con moitos veciños para empuñar as armas contra os franceses en defensa da Relixión, a Patria e o Rei.  

Estas situacións bélicas terían continuación coas loitas entre carlistas e isabelinos-Moalde, Casa do Monte, Bandeira - e máis tarde cos violentos enfrontamentos dos agraristas pola redención dos foros, feito este que sucedeu a finais do S. XIX cos levantamentos producidos en Refoxos e Paizás, en rebelión contra os impostos e a rendas.
A emigración, a guerra civil e a febre do wolfram marcan os capítulos importantes na recente historia do municipio.

Unha nova capital


A Vila de Silleda, é desde 1853, a capital da Terra de Trasdeza. Anos antes, a capital do concello estivo en Chapa, Escuadro e O Foxo, lugares de certa importancia ata principios do século pasado, en que a nacente vila, gracias ás suas feiras, melloras nas comunicacións e inquietude emprendedora das súas xentes, acadou un increíble desenvolvemento.

Nos últimos vintecinco anos, o progreso do sector agrario, a Feira Internacional de Galicia coa Semana Verde de abandeirada, a Lonxa Agropecuaria de Galicia e todo o complexo feiral, sede dos máis importantes colectivos Agrarios da Comunidade Galega, (Forestal, Flor, Gandeiría, Mel, Leite e Turismo Rural...) consolidaron e impulsaron o seu crecemento, tanto no seu volume de edificación como no número de habitantes. 
Formada a principios do S. XIX, a primeira mención de Silleda aparece no S.XVII como denominación dunha das freguesías da xurisdicción de Trasdeza e xa no S. XVIII celebraba concorridas feiras o 18 de cada mes, pasando posteriormente a facelo os días 6 e 23.

A súa igrexa adicada a Sta Baia existía antes do ano mil e xa co nome de Exilieta figura nunha doazón feita ó bispo Don Pelaio de Lugo no 998. Así mesmo aparece con ese nome entre as favorecidas no testamento de Teresa Sánchez de Gres, no ano 1395.

]]>
Thu, 01 Jan 1970 01:00:00 +0000