A Concellería de Normalización Lingüística convoca a quinta edición do certame de Microrrelatos

Baixo o lema “O meu soño”, o concurso contará tamén coa colaboración da Asociación do comercio de Silleda, ECOS

Silleda, 05 de abril de 2016. A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Silleda, que dirixe Aida Castro, ven de convocar a que será a quinta edición do Concurso de Microrrelatos para nen@s e moz@s. A temática deste ano será “O meu soño” e valorarase a orixinalidade e a creatividade. Así mesmo, nesta edición colabora tamén a Asociación de Comerciantes de Silleda ECOS.

O prazo para presentar os traballos abrirase o vindeiro luns día 11 de abril e rematará o venres 6 de maio. Cada participante poderá presentar un único traballo.

Ao igual que nas edicións anteriores establécense, dúas categorías: unha para nenos e nenas de 6 a 12 anos e outra para persoas de 13 anos en adiante.

Neste caso, os textos, que terán que estar titulados e escritos integramente en galego, poderán presentarse en dúas modalidades: a ordenador, (cun máximo de 500 caracteres), e tamén escritos a man, (máximo 100 palabras). Deben presentarse en papel DIN A4, sempre firmados baixo pseudónimo, nun sobre co nome do concurso e a categoría na que participa. Noutro sobre pechado irán os datos persoais. Os traballos deberán ser inéditos e non terse presentado a outros certames e deberán ser entregados no rexistro do Concello de Silleda, ou remitidos por correo ordinario ao seguinte enderezo: Concello de Silleda - Rúa Trasdeza, Nº55 -  36540 Silleda.

O xurado encargado de elixir os mellores microrrelatos estará composto por dous profesionais dos medios de comunicación e a concelleira de Normalización Lingüística, Aida Castro Caramés, ou a persoa en quen delegue. O fallo do xurado darase a coñecer antes do 17 de maio, e os nomes dos gañadores serán publicados a través da web www.silleda.gal, ademais de notificarselle aos interesados a través dos datos facilitados coa presentación do traballo.

Os premios, para cada categoría consistirán nunha tablet valorada en 100 euros e un vale de 20 euros doado por ECOS.

Ademais, de pertencer o gañador ou gañadora a algún centro educativo do Concello de Silleda, entregarase un vale de 50 euros para mercar libros en galego nas librerías do municipio para a biblioteca do centro. No caso de non pertencer a ningún centro educativo, a Concellería de Normalización Lingüística fará entrega dos libros á Campaña de Recollida de Material Escolar da Concellería de Igualdade e Benestar.

 “O fomento da creatividade e do uso da lingua galega entre os máis novos seguen a ser os obxectivos desta proposta que cada ano conta con máis participación”, comenta a concelleira.

Normalización lingüística

O Concello de Silleda integrouse na Rede de Dinamización Lingüística, (creada pola Orde do 14 de setembro de 2010 ;DOG num. 182, do 21 de setembro de 2010)  o día 28 de outubro de 2011.

Politica Linguística

 

 Dende este departamento búscase a promoción do uso do galego, sobre todo en sectores coma a infancia ou a mocidade, coa organización de actividades ou campañas que promovan a utilización da nosa lingua como vehículo habitual de comunicación.

Ademais da programación de Fala Redes, con distintas actividades organizadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, dende o departamento municipal organizouse o I Certame de Micocurtas e o I Certame de Micorrelatos, unha iniciativa dirixida aos máis novos e que tivo un grande éxito de participación. Os traballos gañadores da primeira edición foron os seguintes:

Entregado o I Premio á Normalización Lingüística no sector comercial do Concello de Silleda e as primeiras cartas de menús en tres idiomas

 

Silleda, 2 de xullo de 2014. Hoxe celebrouse na Casa da Cultura de Silleda, no marco da exposición Silleda no secúlo XIX un acto cultural coa normalización lingüística como protagonista.

Así, entregáronse o I Premio á Normalización Lingüística do Concello de Silleda no sector comercial e empresarial, que recibiu Emse Deseño Gráfico, e as dúas primeiras cartas de menús en tres idiomas (galego, castelán e inglés) aos restaurantes Carballeira do Chousiño e Restaurante González.

A concelleira de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística, Margarita Campos, abriu o acto presentando estas dúas iniciativas postas en marcha xunto co IES Pintor Colmeiro e a Secretaría Xeral de Política Língüística, aos que agradeceu a súa participación e implicación.

Campos felicitou a José Antonio Gómez Moreira (Emse) , o mozo deseñador gráfico que gañou esta primeira edición do certame así coma aos seis establecementos restantes que concorreron ao premio amosando, como recolle a acta, “un elevado grao de compromiso co idioma galego”.

En canto ás cartas de menús, unha iniciativa totalmente gratuita para os hostaleiros, a concelleira sinalou que se trata dun proxecto  “moi interesante, sobre todo tendo en conta que cada vez son moitos os visitantes extranxeiros que chegan a Silleda a través do Camiño de Santiago” e animou aos establecemetos de Silleda a continuar os pasos destes dous restaurantes, que recibiron as cartas de mans do director do IES, Xesús Fernández Sulleiro, que falou de cómo xurdiu esta idea de colaboración entre o centro educativo e o Concello.

No tocante ao premio de normalización, o profesor Cibrán Arxibai tamén explicou durante o acto o proceso de valoración dos 7 establecementos presentados, que se terán en conta para futuras edicións do certame, facendo unha baremación de distintos ítems nos comercios, realizada polos alumnos/as do Ciclo Medio de Comercio e Superior de Xestión Comercial e Márquetin, representados no acto pola profesora Helena González.

Emse, que acadou a puntuación máis alta,  recibiu ademais dun diploma acreditativo, entradas para realizar visitas guiadas ao Museo do Pobo Galego, Casa Museo de Rosalía e á exposición “Auga Doce”, na Cidade da Cultura, así como distinto material lúdico educativo (libros, discos..) por cortesía da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O gañador quixo agradecer ao Concello, á Xunta e ao centro educativo este galardón, así como felicitalos pola iniciativa.

O alcalde, Manuel Cuíña, acompañado tamén polo edil de Comercio, Luis Rodríguez, agradeceu o traballo e a “colaboración que sempre atopamos” no IES Pintor Colmeiro, “con iniciativas como esta que redundan en beneficio de todo o pobo”, e eloxiou o apoio de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística “un veciño máis deste concello moi querido en Silleda e que sempre está ahí para todo o que precisamos”, engadiu antes de entregar varios catálogos da mostra Silleda no século XIX, xunto con unha cerámica conmemorativa da exposición ao IES e ao secretario xeral.

Xa por último Valentín García destacou as dúas iniciativas, sinalando que a visibilización do galego “non só hai que facelo dende actos culturais senon tamén dende todos os sectores socioeconómicos”. “Iniciativas coma esta son a proba de que o proceso de normalización avanza”, engadiu.

Así mesmo, no tocante as cartas en tres idiomas, lembrou que dende a Xunta se busca tamén apostar pola promoción do galego na Vía da Prata, “que ten ser un eixo vertebrador de coñecemento lingüístico, que todos os que nos visitan saian de aquí sabendo que temos lingua propia e secularmente coñecida”, engadiu.

Valentín García amosouse convencido no tocante ao premio á normalización que o certame terá continuidade, ofrecendo o apoio da SXPL para vindeiras iniciativas.

Máis de 700 visitas

O acto rematou con unha visita dos asistentes á mostra Silleda no século XIX, que estará aberta ata o vindeiro domingo día 13 de xullo e que leva xa máis de 700 visitas rexistradas dende a súa apertura o pasado 7 de xuño.

Fallados os premios da terceira edición do concursos de Microrrelatos e Microcurtas

Silleda, 9 de maio de 2014. O xurado do Concurso de Microcurtas e Microrrelatos convocado polo departamento municipal de Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, vén de emitir o seu fallo.

Esta terceira edición, que superou todos os récords de participación, contou con máis de 130 traballos presentados, “o que da conta do interese suscitado por esta convocatoria, xa plenamente consolidada”, engade a concelleira. O lema deste ano foi A Terra de Trasdeza.

No apartado de Microcurtas, no que se presentaron 9 creacións, o traballo gañador foi o titulado “A Lagoa Sacra”, presentado por Juan Ares Pérez e Anán Ares González, alumnos do IES Pintor Colmeiro. O traballo describe un dos paraxes do municipio, as Brañas de Xestoso, Lugar de Interese Comunitario.  O xurado estivo composto por Marga Vilariño (Nós TV) e Loli Iglesias (Pórtico Audiovisual), que destacaron o traballo de documentación e a presenza de audio e vídeo nesta creación, na que ademais figuran os propios creadores, personalizando o produto.

En canto ao certame narrativo, na categoría de 6 a 12 anos gañou o microrrelato titulado “Tan só un segundo”, presentado co seudónimo Abelaira, realizado por Nicolás Abeledo Malheiro, alumno do Colexio Plurilingüe María Inmaculada.

Na categoría de máis de 13 anos o traballo premiado foi “Nomeando”, presentado por María Lamazares Taboada, alumna do IES Pintor Colmeiro, baixo o seudónimo Water Parada.

A orixinalidade das propostas,  e a calidade literaria son algúns dos rasgos destacados polo xurado da narrativa, composto polos xornalistas Blanca Paz (Faro de Vigo) e Pablo Viz (La Voz de Galicia).

A entrega dos galardóns –que consisten en tablets para os gañadores das microcurtas e de e-books para os dos microrrelatos- terá lugar o vindeiro venres día 16 ás 20.00 horas no Salón de Plenos do Concello de Silleda, coincidindo coa celebración do Día das Letras. Así mesmo, os centros aos que pertencen os alumnos/as gañadores levarán tamén un lote de libros en galego.

O alcalde, Manuel Cuíña, e a concelleira de Cultura de Normalización, Margarita Campos, cos gañadores/as do certame, durante a entrega dos galardóns

A concelleira Margarita Campos felicita tanto aos gañadores como ao resto de participantes “que cada vez nos poñen máis difícil a elección”, destacando a calidade dos traballos presentados.

O certame xurdiu hai tres anos como fórmula para incentivar o uso do galego entre a poboación máis nova, potenciando ao mesmo tempo a creatividade.

 

 

O Concello de Silleda premia o uso do galego nos comercios e empresas

Silleda, 7 de maio de 2014. Hoxe tivo lugar no IES Pintor Colmeiro a presentación de dúas iniciativas enmarcadas no ámbito da normalización lingüística, organizadas polo Concello de Silleda en colaboración co citado centro educativo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a asociación de Empresarios e Comerciantes e Silleda (Ecos).

Así, nace o I Premio Concello de Silleda á Normalización Lingüística nas empresas e comercios, que ten por obxeto estimular nos comerciantes e empresas do municipio o uso do galego na actividade comercial comprendendo, tanto  a empresas cunha tradición recoñecida na súa normalización como a aquelas que se incorporan recentemente ás prácticas normalizadoras. “Deste xeito tamén queremos recoñecer públicamente estas actitudes”, indicou o alcalde, Manuel Cuíña, que hoxe participou na presentación xunto ao concelleiro de Comercio, Luis Rodríguez, o director do IES, Xesús Sulleiros, e dous membros do profesorado, Cibrán Arxibai e Helena González.

Segundo as bases, que poden consultarse xa na web municipal, poderán concorrer  todos os comerciantes e empresarios do Concello de Silleda.

Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas perante  a Concellería de Normalización Lingüística,  xa por escrito, xa enviando un correo electrónico, a info@silleda.es, indicando o asunto e especificando  o nome do establecemento, nome da persoa  responsable e teléfono de contacto.

Unha Comisión de Admisión  nomeada ao efecto, poderá tamén propoñer  establecementos e será quen determine quen entrará a formar parte do grupo de seleccionados  para o concurso final. O prazo de presentación de candidaturas rematará o vindeiro  17 de maio.

O premio, que se entregará neste mes de maio, consiste nun diploma outorgado polo Concello de Silleda máis un convite, outorgado pola SXPL para visitar o Museo do Pobo Galego,  a Casa Museo de Rosalía (para dúas persoas) así coma un lote de produtos de lecer en galego (libros, musica e adiovisual). Tamén se concede unha visita guiada, neste caso para 8 persoas á mostra “Auga Doce”, da Cidade da Cultura.

Cibrán Arxibai, integrante do equipo normalizador do IES, explicou que a iniciativa conxunta do Concello e do centro xurdiu despois dun estudo realizado polo alumnado do centro sobre a paisaxe lingüística de Silleda. Sinalou que mentres as Administracións cumprían nun 90 % no uso do galego, as empresas privadas só o facían, no tocante a sinais indicadoras e outros nun 20%.

“Por iso propuxemos ao Concello realizar esta acitivade para que o sector da empresa e do comercio se animara  e se contribuirá a normalización do galego, recoñecendo cun premio a aqueles que utilizan o idioma”, sinalou.

O xurado conformarano varias persoas, entre eles alumnado do ciclo de Marquetin e Actividades comerciais.  Estará presidido pola concelleira de Normalización Lingüistica do Concello de Silleda, Margarita Campos.

Segundo figura nas bases, só entrarán en concurso os establecementos insritos e/ou  propostos pola Comisión  de Admisión  que cumpran os requisitos e fosen aceptados. Valoraranse aqueles datos, detalles, accións,  etc que contribúan á normalización lingüítica, que existan no momento de celebrarse o concurso  ou que estean en proceso de desenvolvemento,  e non se atenderán proxectos de futuro.  Tamén se terá en conta o esforzo feito en épocas anteriores ás fixadas para o presente exercicio.      

O alcalde agradeceu a colaboración do IES Colmeiro, da Secretaría Xeral e tamén da asociación  Ecos, que colabora na difusión das bases e o certame entre o sector.

Para o sector hostaleiro

Na mesma presentación tamén se deu a coñecer outra iniciativa de normalización lingüística, que ten como protagonistas aos establecementos comerciais. A través dun novo convenio entre o Concello de Silleda, neste caso o departamento de Turismo, e o IES Pintor Colmeiro ofertase aos 26 establecementos de restauración a confección gratuita das súas cartas e menús en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

Esta iniciativa xorde tendo en conta que cada vez son máis os turistas que se achegan a Silleda, ademais de peregrinos de diversos países.

“Coa idea de mellorar a atención no sector, e de novo coa inestimable colaboración do equipo do IES Pintor Colmeiro faranse de maneira gratuita cartas de menús en galego, castelán e inglés a todos aqueles establecementos que o desexen”, sinalou o alcalde

O equipo do IES será o encargado de facer as correccións e traduccións das cartas, que serán devoltas aos locais cun formato unificado.

Dende a Concellería de Turismo, Margarita Campos, vén de remitir cartas ao sector hostaleiro informando deste servizo.

Na comparecencia, Cuiña aproveitou tamén para destacar o turismo como sector económico estratéxico no noso municipio, xa que segundo datos o Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas  de Galicia (REAT), Silleda é o concello das comarcas de Deza e Tabeirós-Montes con maior número de prazas de aloxamento (510), “superando as capitais comarcais de Lalín e A Estrada e a outros municipios do grupo Área de Santiago, no que estamos integrados”.

O alcalde tamén sinalou que iniciativas coma o I Premio de Normalización veñen a complementar outras actuacións de éxito neste ámbito coma os Concursos de Microcurtas e Microrrelatos, que este ano bateron récords con máis de 130 traballos presentados.

 

 

A Concellería de Normalización Lingüística organiza un obradoiro de iniciación ao clown en maio para mozos/as

Silleda, 4 de abril de 2014. A Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, vén de programar un obradoiro de iniciación ao clown dirixido a mozos e mozas de 16 anos en adiante. Esta iniciativa, que chega a través da Rede de Dinamización Lingüística, da que forma parte o Concelo de Silleda.

A actividade, totalmente gratuita, desenvolverase durante as xornadas do 3 e o 10 de maio, no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira,  cun total de 15 horas de duración . Será impartido por membros da compañía Os Sete Magníficos máis Un, con Fran Rei e Pedro Brandariz.

As persoas interesadas en participar neste obradoiro deben de chamar ao Concello (986 580000) para inscribirse. Hai un total de 25 prazas.

Na xornada do sábado día 3 o obradoiro terá lugar de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e o sábado día 10 continuará pola mañá no mesmo horario e pola tarde celebrarase de 16.00 a 18.00 horas. Nesta sesión vespertina  haberá unha representación aberta ao público na sala de exposicións do centro cultural, na que participarán os alumnos/as do ciclo.

O clow é unha técnica teatral e de novo circo que goza dunha grande aceptación entre o público, e  constitúese como unha ferramenta moi útil para favorecer varias habilidades sociais, como son as dinámicas de grupo ou a desinhibición. Dende Os Sete Magníficos máis Un propónse neste caso un traballo ao redor da lingua, dándolle un sentido positivo ao idioma galego, ampliando os seus eidos de uso e dotándoo, a través do xogo e da comicidade, dun novo valor para os/as participantes no obradoiro.

Xogos de palabras cómicos, improvisacións… formarán parte desta novidosa iniciativa que mistura de xeito novidoso o clown de calidade co fomento do galego.

Creada no ano 2001, a compañía galega Os Sete Magníficos máis Un, estivo formada por novos actores e actrices galegos procedentes de diversos medios, e creouse ao abeiro do Festival Internaciola de Clown de Galicia (Festiclown). Entre os seus espectáculos figuran títulos como

As Cincentas Desclowntroladas (2001), Manicomio só para Clowns (2002), A CadeiraVoadora (2006), O Gordo e o Calvo Van ao Médico (2007) ou Dous Pallasos en Apuros (2007)..., mantendo sempre o humor e a comicidade como sinal de identidade.

Nos últimos anos, Os Sete magníficos máis Un están a consolidarse no mercado teatral galego cunha media de 75 actuacións por temporada, tanto en interior como en rúa. Desde o ano 2012, Fran Rei e Pedro Brandariz están a traballar regularmente en televisión, sendo unha das parellas cómicas habituais do programa Luar da TVG.

 

Convocada a terceira a edición do do Concurso de Microcurtas e Microrrelatos

Silleda, 12 de marzo de 2014. A Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, vén de convocar a terceira edición dos Concursos de Microcurtas e Microrrelatos, para fomentar o uso do galego entre a poboación máis nova. A temática dos dous certames serán este ano A Terra de Trasdeza e o prazo para participar está aberto xa dende mañá xoves día 13 ata o vindeiro 30 de abril.

No caso das microcurtas, os traballos, que deben empregar o galego, non poden superar os 8 minutos, podendo ser ou non de ficción. O concurso está aberto a persoas maiores de 13 anos, empadroadas no concello de Silleda. Todos aqueles que desexen participar deben de enviar as súas creacións ao enderezo postal do Concello, en formato DVD PAL, ou entregalas na casa consistorial. Neste DVD deben escribir o título da curta e un pseudónimo e acompañar nun sobre pechado os datos persoais. Cada participante só poderá presentar un traballo.

O xurado, que dará a coñecer o seu fallo o día 9 de maio, estará composto pola concelleira Margarita Campos e por dous profesionais do sector audiovisual. O gañador ou gañadora levará como premio unha tablet valorada en 100 euros, e o centro educativo ao que pertenza, de ser o cas, un lote de libros en galego.

De non tratarse dun alumno/a dun centro educativo, a Concellería de Normalización Lingüística entregará os libros á Campaña de Recollida de Material Escolar.

No caso dos Microrrelatos,  ao igual que na edición anterior estabrécense, dúas categorías: unha para nenos e nenas de 6 a 12 anos e otra para persoas de 13 anos en adiante.

Neste caso, os textos,  poderán presentarse en dúas modalidades: a ordenador (cun máximo de 500 caracteres) e tamén escrito a man (máximo 100 palabras). Deben presentarse en papel DIN A4, sempre firmados baixo pseudónimo nun sobre co nome do concurso e a categoría na que participa. Noutro sobre pechado irán os datos persoais. Os traballos, ao igual que no caso das microcurtas deberán ser inéditos e non terse presentado a outros certames e tamén se deben remitir ao Concello de Silleda (rúa do Trasdeza, 55. 36540 Silleda).

Pódense consultar as bases nos seguintes documentos adxuntos:

 

Neste caso o xurado estará integrado pola concelleira e por dous profesionais dos medios de comunicación. O premio será neste caso un e-book, ou libro electrónico, valorado tamén en 100 euros, e tamén se entregará lote de libros nas mesmas condicións reseñadas anteriormente.

“Con este certame queremos fomentar a creatividade ademais de contribuir ao uso do galego sobre todo entre a poboación máis nova”, engade a concelleira. A orixinalidade e a creatividade dos traballos serán as liñas básicas para xulgar os traballos. As bases dos dous certames publicaránse tamén na web municipal.

Fallados os concursos de Microrrelatos e Microcurtas

O fallo dos xurados do II Concurso de Microcurtas e o II Concurso de Micorrelatos, convocados pola Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, reuníronse en días pasados para emitir o seu fallo. 

No certame de Microrrelatos, na categoría de 6 a 12 anos, o traballo gañador foi o presentado co título O Magosto, baixo o pseudónimo “Azul”, que unha aberto o sobre B, corresponde a autoría de Gala Sánchez García, veciña de Manduas. Na categoría de máis de 12 anos, o xurado elixiu o traballo presentado baixo o título O Ambicioso, da autoría de Ana Colmeiro Pérez. 

No caso do concurso de Microcurtas, o traballo ganador foi “Tradicionator”, presentado por Nuno Pérez Fernández. O xurado decidiu conceder ademais un accésit á microcurta titulada “Os oficios tradicionais”, de Juan Luis Fontao  Gestoso.  

Traballos presentados ao II Concurso de Microcurtas

Correlingua 2013

Máis dun millero de alumn@s de Deza e Tabeirós Montes celebraron en Silleda unha nova edición do Correlingua

 

-O alumnado de Secundaria participou no percorrido previsto polas rúas, mentres que os actividades se trasladaron ao recinto feiral Semana Verde

 

 Silleda acolleuo 8 de maio de 2013  unha nova edición do Correlingua, unha cita multitudinaria que reuniu a alumnos e alumnas dunha ducia de centros educativos das comarcas de Deza e Tabeirós Terra de Montes.  Nesta ocasión participaron centros de Silleda (CEIP de Silleda  IES Pintor Colmeiro e CPR María Inmaculada); A Estrada (CEIP do Foxo, CEIP Cabada Vázquez, CEIP Figueroa, IES Losada Diéguez; IES Nº1 e IES García Barros); de Lalín (IES Aller Ulloa e IES Laxeiro); e de Forcarei (IES Chano Piñeiro).

Debido á situación climatolóxica, con ameaza de choiva, a cita mudou de escenario, pasando ao recinto Semana Verde. Aínda así, os alumnos e alumnas de maior idade participaron no percorrido previsto polas rúas de Silleda, voltando despois ao pabillón do recinto feiral onde se celebrou a festa final.  Nesta cita lúdico-educativa non  faltou  a música (houbo alumnos que levaron á cita sons tradicionais), ou a voz de Balbina (co seu coñeciño ghit Estomballada). Peter Punk, puxo a animación con distintos números durante a concentración, e o actor Pepe Penabade subiu ao escenario como Rodesindo da Barrosa, un afiador tradicional.

Todos os centros levaron diplomas por participar nesta sexta edición do Correlingua, na que non faltou a lectura do manifestó en prol do galego, pancartas dos distintos centros con lemas variados  e ata grupos con atavíos propios (houbo alumnos que acudiron  vestidos de época medieval e como pequenos trasnos).

Como fin de festa houbo unha solta de globos. A alcaldesa, Paula Fernández, tamén se achegou ata o recinto para saudar aos participantes.

Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino e A Mesa pola normalización Lingüística, en colaboración cos Concellos das principais cidades galegas. Trátase dunha proposta carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma.

Ademais do Correlingua, na víspera da celebración do Día das Letras, tamén se organizan concursos entre a comunidade escolar que permiten a reflexión sobre o idioma e serven como actividades preparatorias para a participación na recta final do Correlingua. Este ano tres alumnos do IES Pintor Colmeiro acadaron o segundo premio no concurso de manifestos. 

II Concurso de Microcurtas e Microrrelatos

A Concellería de Cultura, Normalización Lingüística e Comunicación Social convoca o II Concurso de Microcurtas e II Concurso de Microrrelatos, coas tradicións galegas como protagonistas. O prazo está aberto ata o vindeiro día 16 de maio. 

Aquí podes consultar as bases dos dous certames

 Ir á páxina seguinte Ir á última páxina