Saúda do Alcalde

Situada no corazón de Galicia, Silleda é unha terra hospitalaria e con máis dun motivo para achegarse ata ela. Natureza, tradición e historia conflúen no territorio de Trasdeza facendo deste municipio interior un referente en ámbitos coma o do turismo. O mosteiro románico de San Lourenzo de Carboeiro ou a Fervenza do río Toxa, a máis alta de Galicia en caída libre, son os baluartes dun concello ligado tamén a un certame, a feira internacional Semana Verde, que lle da nome máis aló das nosas fronteiras. As nosas xentes, agricultores, gandeiros, empresarios… forman parte da paisaxe humana que tamén lle confire carácter a Silleda, berce de artistas coma o pintor Colmeiro.

Como alcalde, e en nome do resto de compañeiros do goberno municipal, convídovos a visitar este fermoso enclave bañado polo río Deza, no Camiño cara a Compostela, e a  descubrir os moitos encantos que se agochan en cada unha das 33 parroquias que conforman este concello. A través deste portal web, que trataremos de ir mellorando, queremos dar conta do noso traballo e informar a veciños e usuarios da Internet sobre distintas cuestións da actividade municipal.

Manuel Cuíña Fernández

Alcalde de Silleda