Adolfo Víctor Calveiro Couto

Naceu na parroquia de Dornelas no ano 1902.

Segundo Neira Vilas, emigrou a Cuba con 17 anos e alí viviu ata 1969, agás  un periodo de trinta meses nos que retornou a Galicia cando triunfou a República.

Faleceu en Nova Iersei (Estados Unidos) en 1977.
Era de orixe campesiña e non tiña estudos, pero na illa caribeña adquiríu unha sólida formación estudando polas noites despois do traballo cotián como administrativo.

Colaborou en diversas revistas galegas e non galegas en Cuba como Alma Galega, Chic e no semanario Eco de Galicia chegou a ser xefe de redacción.

A súa traxectoria xornalística culminou coa fundación e dirección de Cultura Galega, unha das máis grandes revistas galegas da emigración, defensora do Estatuto e da República. Para Neira Vilas, cando se escriba a historia do nacionalismo galego en América, haberá que ter en conta a páxina nacionalista deste semanario na que aparecen traballos de V. Risco, Manuel Banet, Xohán V. Viqueira, Basilio Alvarez e outros.
Deixada de publicar en 1940, Calveiro dirixe outra revista titulada Cultura Hispánica e logo da Guerra Mundial, segundo comenta Neira Vilas, o xornalista de Dornelas chegou a dirixir outra publicación, chamada Cuba e España.