Aprobada a resolución provisional sobre as axudas á realización de actividades culturais e deportivas

-Dende o Concello estase a comunicar aos colectivos solicitantes das subvencións a puntuación e a contía correspondentes. Quedará exposta nos vindeiros días no taboleiro do Concello e os colectivos teñen un prazo de 10 días para formular as alegacións que estimen oportunas.

-O prazo para xustificar as axudas, tanto nas subvencións a entidades deportivas como para actividades culturais, remata  o vindeiro 15 de decembro

Silleda, 13 de xullo de 2016.  O goberno municipal de Silleda aprobou na Xunta de Goberno Local do pasado martes o reparto das axudas a entidades para a realización de actividades culturais. A proposta, coa relación de beneficiarios e a puntuación, quedará exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello (planta baixa). Esta resolución está a ser comunicada tamén aos colectivos, coa cantidade e puntos outorgados a cada un.

Os colectivos disporán agora dun prazo de 10 días, (contados a partires da recepción da resolución), para formular alegacións á resolución. De non presentar ningunha alegación, entenderase que aceptan as valoracións provisionais.

A comisión de valoración outorgou unha serie de puntuacións tendo en conta os criterios recollidos nas bases destas dúas convocatorias, que foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP de Pontevedra).

Este ano, tal e como se tiña en conta nas bases, para as subvencións culturais tíñase en conta, ademais de que a asociación tivese unha traxectoria de máis de 20 anos, que ésta contase con un director, como foi o caso das bandas de Silleda e Bandeira, a coral de Silleda, o coro Vales Mahía e Xirandola e Fortín da Pomba, que tamén contan con directores de baile.

No caso das axudas culturais hai 33 asociacións beneficiadas. A maiores houbo dúas asociacións que presentaron a solicitude fora de prazo, (Avecuco de Cortegada e a AECC), e outra que renunciou tras presentala, (Asociación San Miguel de Oleiros). A contía total a repartir é de 45.000 euros.

Subvencións para entidades deportivas

No caso das axudas ás para a realización de actividades a entidades deportivas, foron 12 os clubs que optaron ás subvencións, que contaban cunha contía global máxima de 30.000 euros, dos cales 10.000 xa estaban previstos seren destinados integramente á Escola de Fútbol de Silleda.

Tódolos beneficiarios teñen de prazo ata o 15 de decembro para xustificar estas axudas, aínda que, unha vez se aproben definitivamente as resolucións, e tal e como ditan as bases, poderán optar a solicitar o 50% da subvención outorgada, xustificando o gasto.

 

 

Hoxe, luns día 14 de marzo remata o prazo para concorrer ás axudas municipais para a promoción de actividades culturais e as axudas a entidades deportivas para este ano 2016

Hoxe, luns día 14 de marzo remata o prazo para solicitar as axudas municipais para a promoción de actividades culturais e axudas a entidades deportivas deste ano 2016.

En ámbolos dous casos as solicitudes de subvención deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, xunto con toda a documentación requirida nas bases,  durante un prazo de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra.

As bases das subvencións para a promoción de actividades culturais teñen por obxecto establecer os criterios e procedemento para a concesión de axudas, de acordo cos principios de obxectividade, igualdade, concorrencia e publicidade. Para estas axudas destinarase unha partida de 45.000 euros.

No caso das subvencións a entidades deportivas, a contía total que se destina ao reparto das axudas alcanza os 30.000 euros. 

Nos dous casos as bases e os formularios para as solicitudes seguen dispoñibles na web municipal, www.silleda.gal

MAÑÁ ABRE O PRAZO PARA A SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS MUNICIPAIS PARA ENTIDADES DEPORTIVAS NO ANO 2016

O BOP de Pontevedra publica hoxe as bases reguladoras para a concesión das axudas municipais a entidades deportivas. Segundo ditas bases, os clubes e entidades deportivas terán un prazo de 20 días para formalizar a solicitude no Concello, contado a partir do día seguinte á publicación das bases. Deste xeito, o prazo para solicitar as axudas comezará mañá día 20 de febreiro, e rematará o vindeiro 14 de marzo.

Os modelos de solicitude e outros formularios que deben de presentarse en ambos casos, poden solicitarse no Concello de Silleda e tamén descargarse dende esta mesma web.

Suvencións Municipais para entidades e clubs deportivos ano 2016

A Xunta de Goberno Local en sesión do 2 de febreiro de 2016 aprobou as Bases Reguladoras para a concesión de axudas a entidades deportivas e clubs do ano 2016, ás que se destinarán un total de 30.000 euros. As solicitudes deberán de presentarse no prazo de 20 días hábiles, contados a partir da data na que que se publiquen as citadas bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra. Os formularios estarán dispoñibles no Registro Municipal e tamén nesta web.