O Programa de Nadal suma unhas 70 actividades ata o vindeiro 7 de xaneiro

Silleda, 11 de decembro de 2012. O programa de Nadal de Silleda contará ata o vindeiro día 7 de xaneiro con preto de 70 actividades do máis variado, que foron presentadas hoxe polos concelleiros de Cultura e Participación Cidadá, Matías Rodríguez, e de Deportes e Comercio, Klaus Brey.

Trátase dunha oferta multidisciplinar e heterogénea, na que ademais de propostas que son xa clásicas destas datas, incorpora diversas novidades.

O programa ábrese coa XIII Campaña da Árbore, organizada dende o departamento de Comercio e de Medio Ambiente, na que colaboran sete establecementos de Silleda, e baixo o lema “Antes de Cortar pensa en repoblar” e con outras actividades coma o XII Concurso de Escaparates. Klaus Brey explicou que o xurado valorará a orxinalidade, iluminación e a exposición dos produtos.

No ámbito dos Deportes volta o torneo de tenis de mesa (xoves 20 de decemebro) e as exhibicións de kun fu e patinaxe (venres 21), logo da exitosa estrea do ano pasado. Como novidade destaca a celebración dunha tarde de xogos tradicionais (día 22) para pais/nais e nenos/as no pavillón César Fares, ou o triangular de fútbol sala feminino (día 29), na que ademais do equipo local estará o Val do Ulla e o equipo de Cruces.

En canto ás actividades de Xuventude, departamento que dirixe Margarita Campos, hai ata 11 citas no programa, destacando obradoiros nos que se estrearán os de Nadal en 3D (mércores 12) , pais do Nadal móbiles, ou o de bonecos de neve con vasos de plástico (día 18). Non faltarán outras citas xa clásicas coma a pintura con dedos, confección de adornos, ou a visita do Pai Nadal , que chegará o domingo día 23, e a Festa Infantil de Fin de Ano (o venres día 28).

No caso de Benestar, ademais da tradicional xuntanza de maiores (día 22 no restaurante Coteliño) o ensaio de Fin de Ano (o día 30) ou a festa de Aninovo no Centro Social da Bandeira (3 de xaneiro), destaca a confección de postais e múltiples adornos que se realizan nos obradoiros de arte terapéutica.

Campamento, música, cine e teatro

Así mesmo, o campamento de Nadal para os/as cativos/as trasládase este ano á Casa da Cultura. Matías Rodríguez destacou na presentación a colaboración cos colectivos de Silleda, A Bandeira, de Manduas, Parada….na confección do programa.

Entre as novidades destaca a vista do Apalpador, figura tradicional da zona de montaña de Galicia, que estará nas rúas de Silleda o día 24 e na Bandeira o 31, ou actividades coma Mentras agardo leo, proposta que dende a Biblioteca Daniel Castelao levará a lectura aos centros médicos do municipio. Tamén se inclue no programa o Maratón de Cine de Adellís (sábado 15), ou o xantar benéfico para mercar xoguetes que terá lugar o vindeiro día 16.

O cine tampouco falta coa estrea do filme galego O Apóstolo ( o 28 en Silleda e o 3 de xaneiro na Bandeira), nin o teatro, coa xornada do día 21 na Bandeira ou a comedia Os Tres Ladróns (30 en Silleda).

A música, con citas coma o Festival de Nadal da Escola de Música de Silleda, o concerto de Aninovo na Bandeira ou a III Xuntanza de Baile e Música Tradicional, súmanse a propostas coma o festival do 25 aniversario de Xirandola.

 

Premio á mellor decoración e colaboración cos colectivos

Durante a presentación Datorre lembrou que este ano, á vista dos recortes no alumeado se tomou a decisión coherente de non poñer luces de Nadal. Ademais apelouse á colaboración de todos os veciños e veciñas  para adornar as súas casas, edificios, eiras, ventás…. A raíz desta proposta xurdeu a creación dun premio (do colectivo ECOS) á mellor decoración do Nadal, que se fallará o 7 de xaneiro.

Matías Rodríguez agradeceu expresamente o traballo a colectivos coma a Anpa Brincadeira, que fará unha árbore na praza da Feira da Bandeira; a Asociación de Amigos da Empanada, que contribuirá á colocación de arcos simbólicos na Bandeira, a Asociación Vistalegre, e a Olaia en Silleda.

Dende o Concello asumiráse a colocación de adornos só en lugares puntuais e nas dependencias municipais onde haxa actividades.

Tamén se repite a Feira de Reis ( o 6 de xaneiro pola tarde) , con postos de artesáns que terá lugar nunha carpa na Praza da Feira Vella. Alí rematará tamén a Cabalgata de Reis do día 5.

Matías Rodríguez destacou que o programa, pola cantidade e calidade das actividades está ao mesmo nivel que outras vilas e cidades.

 

Silleda convértese por terceira vez na capital estatal do futbolín

 

 

 

 

Silleda, 5 de decembro de 2012. Silleda acolle por terceira vez o campionato nacional de futbolín. Esta décimo sexta edición comezará mañá no Hotel Oca Katiuska, polo que desfilarán uns 500 xogadores e xogadoras de toda España ata o vindeiro sábado. A cita está organizada pola firma Games Competicion, en colaboración co Concello de Silleda,  e repartirá un total de 9.000 euros en premios, ademais de trofeos ata o que se clasifique no posto 16º de cada categoría.

O campionato foi presentado hoxe no Hotel Oca Katiuska, onde xa están colocadas as 16 mesas nas que disputarán partidas de xeito simultáneo.

José Presas, membro da organización explicou que este torneo, que habitualmente se celebra en Galicia, contará con tres modalidades (parado, movemento e combinado), ademais de disputarse a categoría feminina.

O torneo arranca mañá xoves ás 15.00 horas, coa modalidade combinada, que se estrenou hai tres anos e que permita cambiar a bola pero sempre en movemento. A xornada do venres comezará tamén ás 15.00 horas, na modalidade de parado e ás 18.00 horas terá lugar a competición da categoría feminina. O sábado, xa dende as 11.00 horas, disputarase a categoría reina, a de movemento. En todas elas hai tres categorías.

O torneo é aberto, pero entre os participantes deste open figura “o máis selecto do futbolín a nivel nacional”, sinala José Presas, que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Klaus Brey e a directora do Hotel Oca Katiuska, Beatriz Rodríguez, así como por Diego Presas.

Ademais de xogadores e xogadoras galegas, acoden participantes de case todas as Comunidade Autónomas. Esta será a terceira vez, logo das probas de 2006 e 2009, que Silleda se convirta na capital nacional do futbolín. O público tamén pode ver cómo se disputan estas probas.

Dende a Consellería de Deportes de Silleda, Klaus Brey, amosa o seu apoio a esta iniciativa que atraerá nos vindeiros días a centos de persoas, entre participantes e visitantes.

        

 

 

 

 

 

 

 

Silleda acolle a segunda edición do xantar benéfico para o reparto solidario de xoguetes

O vindeiro domingo día 16 terá lugar en Silleda a segunda edición da comida solidaria para o reparto de xoguetes entre os nenos e nenas das familias con menos recursos. A cita foi presentada hoxe no Concello por dúas das súas promotoras, as empresarias locais Yolanda Villar e Conchi Cochón, que xunto con Isabel Ferreiro puxeron en marcha esta iniciativa solidaria o pasado ano.

A comida benéfica será no restaurante González a partir das 13.00 horas e comezará cunha charla sobre alimentación infantil a cargo do doutor Juan Carlos de Santis. Segundo explicaron as organizadoras haberá actuacións musicais, e unha poxa, ao igual que o ano pasado, coa que se recadarán fondos para a causa. “Será unha cita moi divertida”, apuntaron Yolanda Villar e Conchi Cochón.

As entradas para acudir á comida custan 15 euros, dos que a metade serán para pagar a comida (coa colaboración do Restaurante González) e a outra para o fondo co que se mercarán os xoguetes. Para os nenos/as custarán 7 euros. Estarán á venda na Casa da Xuventude, no Herbolario Isca e no propio Restaurante González, ata o día 14. Tamén se poñerán á venda entradas de fila cero. A día de hoxe xa se recadaron 347 euros de distintas aportacións. Entre os colaboradores figura a Obra Social de La Caixa.

A iniciativa conta co apoio do Concello e coa colaboración desinteresada das alumnas do programa Aurora, xestionada polo Concello, que participarán no petitorio polos comercios e empresas.

A alcaldesa, Paula Fernández, destacou durante a presentación o compromiso das organizadoras así coma a colaboración das alumnas do Aurora e os establecementos que tamén participan de xeito desinteresado. Así mesmo fixo un chamamento a outros municipios do Deza para participar, como aconteceu na primeira edición.

            Paula Fernández lembrou que o programa municipal Silleda Solidaria tamén acaba de poñer en marcha outra campaña para recoller xoguetes pero que neste caso se trataba de mercar xogos e xoguetes novos, que serán repartidos entre os nenos e nenas de xeito personalizado.

“Esta actividade xurde do nosa e preocupación pola infancia e pola ilusión que supón un xoguete para un neno”, explicou Yolanda Villar. As familias que queiran acollerse a este programa poden poñerse en contacto coas promotoras de xeito totalmente confidencial a través dos seguintes números de teléfono: 685 105382; 685 105388; 672 458790.

Silleda renova o seu portal web

 

Silleda, 30 de novembro de 2012. A páxina web do Concello de Silleda (www.silleda.es) estrea nova imaxe. O novo portal está xa a disposición dos usuarios, cun deseño e contidos moito máis claros. A web foi presentada hoxe pola alcaldesa, Paula Fernández, e membros da empresa Conta Local S.L.,  (Pablo Durán e Juan Pablo Calvo) encargada da renovación. “A estrutura está moito máis clara, xa que o que se busca é primar a información á cidadanía cun portal web no que poidan atopar información sobre distintos servizos”, engade Paula Fernández, tamén responsable municipal en materia de Comunicación e Novas Tecnoloxías.

Un dos principais cambios respecto ao portal anterior é o cambio nos apartados principais. Co novo diseño, os distintos departamentos están recollidos dentro das respectivas concellerías. A web silleda.es tamén conta con enlaces á web de turismo, e a outros organismos.

Así mesmo, o apartado adicado ao Concello, con información relativa ao funcionamento da entidade local, incorpora seccións nas que se poderán consultar dende actas das xuntas de goberno e das sesións plenarias, ata datos relativos ao persoal con adicación exclusiva (pódense ver as nóminas) ou a declaración de bens patrimoniais dos concelleiros.

“Esta información dase a coñecer enmarcada nas pautas de transparencia que deberían de seguir todos os cargos públicos. “No noso acordo de goberno figuraba facer público os bens dos concelleiros”, engade a alcaldesa, que asistíu á presentación xunto aos edís Manuel Cuíña e Matías R. Da Torre.

Novos programas municipais

Ademais da información estructurada por Concellerías, a nova páxina permite acceder directamente a través de banners a sección de interese coma as que recollen os contidos de novos programas municipais. Así, ademais do plan Silleda Activa, a primeira das actuacións do Clube do Centro Social dos Maiores, tamén se pode acceder á iniciativa Silleda Solidaria. Esta última conta cun espazo web de deseño diferenciado, onde ademais das liñas de actuación e o resumo do que significa esta rede de axuda, os Servizos Socias irán colgando as mensaxes sobre recursos necesarios. Ao mesmo tempo, a través deste espazo web as asociacións tamén poden contactar directamente cos Servizos Sociais do Concello.

Tamén figuran entre os destacados enlaces directos co bloque do CIM ou o de Participación Cidadá, e o apartado “Silleda contra os desafiuzamentos”, no que se ofrecen consellos ás persoas que se enfronten a estas situacións. Así mesmo, no apartado Silleda Emprega están actualizadas as ofertas de traballo do Servizo Galego de Colocación e como novidade incorporase un espazo para conectar cos emigrantes (Silledenses no exterior).  A historia, datos xeográficos, as parroquias ou os rueiros de Silleda e da Bandeira figuran no apartado “Terra de Trasdeza”. Así mesmo, a nova web municipal inclue un directorio de empresas ao que se poden ir sumando as firmas locais interesadas, ordenanzas municipais, listado de todas as dependencias municipais, o Pefil do Contratante, ou información relativa a servizos (teléfonos de servizos públicos, horario de autobuses, farmacias de garda).

Sin custes para o Concello

Paula Fernández destacou o traballo feito por Conta Local e explicou que a renovación da web non tivo custes para o Concello, xa que se enmarca dentro do contrato de soporte técnico e de contabilidade con esta empresa. Tamén explicou que por mor do plan de axuste este foi un dos contratos revisados e que a cantidade paso de 910 a 756 euros ao mes.

Entre as novidades destaca tamén o acceso directo ás redes sociais, información meteorolóxica ou unha axenda na que se irán colgando os distintos eventos que se celebren nos municipios.

Pablo Durán sinalou que a páxina é un portal “vivo”, que se irá actualizando

En resumo, trátase dun portal con información “moito máis clara, esquemática e áxil para os usuarios”, sinalou Paula Fernández, quen agradeceu á empresa Conta Local S.L. o traballo realizado. 

Doazón de sangue 29 de Xullo de 2015

Doazón de Sangue - 29 de xullo de 2015 - Avda do Parque

Ir á primeira páxina Ir á páxina anterior