O Clube do Centro Social dos Maiores organiza unha charla sobre prevención de enfermidades a través da alimentación

 

Silleda, 29 de xaneiro de 2013. O vindeiro martes día 5 de febreiro terá lugar no Centro Social de Silleda unha conferencia sobre alimentación e prevención de enfermedades. O doutor Juan Carlos de Sanctis, especialista en medicina natural impartirá a sesión, baixo o título “Alimentarse ben prevén enfermedades”, con especial incidencia no cancro. A cita, organizada polo Clube do Centro Social de Maiores de Silleda, será ás 18.00 horas, con entrada libre.

Dende o Clube de Maiores de Silleda explicase tanto a socios como á poboación en xeral que poida estar interesada que esta conferencia é de interese para realizar unha alimentación equilibrada que axude ao mesmo tempo a previr distintas doenzas. A cita enmárcase dentro da programación do Clube, que supera os 300 socios e socias, e que vén organizando dende outubro distintas actividades para o colectivo de maiores, co obxectivo de dinamizar os dous centros sociais do municipio.

 

O Concello realizará as obras de reparación xunto a ponte da autopista en Moalde

 

Silleda, 28 de xaneiro de 2013. O Concello de Silleda terá que asumir finalmente as obras de reparación do tramo da estrada A Bandeira-Moalde que presenta graves deficiencias. A existencia dun socavón de dimensións considerables xusto á entrada da ponte sobre a autopista Santiago-Ourense (AP-53).

O pasado día 10 de xaneiro dende o Concello emitiuse un decreto esixindo responsabilidades á empresa Acega, concesionaria da AP-53, xa que o mal estado do vial se debe a fallos na construcción da xunta de dilatación da ponte. Nese decreto, que tamén se remitiu ao Ministerio de Fomento, concedíaselle un prazo de 10 días hábiles, á empresa concesionaria para que fixese os arranxos precisos. Dende a empresa respondeuse ao decreto negando ter responsabilidades nos desperfectos, ao igual que fixeran con anterioridade.

Deste xeito, e tal e como xa se advertira na resolución municipal, será o Concello quen acometa os traballos de reparación. “Este punto é moi perigoso e aínda por riba en días de choiva coma os da última semana prodúcese unha balsa de auga que dificulta aínda máis a circulación”, explica o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña. “Non queremos ser responsables de posibles sinistros con consecuencias graves”, engade o concelleiro ao anunciar que será finalmente a Administración local que realice os traballos, coa reclamación xudical dos custes á empresa concesionaria.

Nos últimos días, dende o goberno municipal tamén se contactou coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, dende onde se contactou coa empresa para buscar unha solución negociada. O responsable da empresa está estes días ausente, polo que de momento a previsión de reparación dende o Concello seguirá adiante “dado o mal estado no que se atopa o tramo”, advirte Cuíña.

Mañá mesmo o concelleiro acudirá ata o lugar xunto cun técnico municipal para avanzar no proxecto de actuación.

Dende o goberno local iniciáronse xestións hai xa varios meses para proceder ao arranxo dos desperfectos. En xullo do pasado ano xa se lle enviou un primeiro requerimento á firma concesionaria, informando sobre o mal estado da ponte e da perigosidade que supón para os usarios da vía, xunto cun informe da Policía

Dende a empresa, recibiuse no mes de setembro resposta negando a súa responsabilidade. O afundimento está situado xusto nunha das conexións entre a pista, que é de titularidade municipal, e unha das esquinas da ponte. “Non se trata dun simple bacheo, senon que a reparación que hai que realizar é de carácter técnico”, engade Cuíña.  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Volta o programa de recollida de plásticos de silos e invernadoiros

 

Silleda, 26 de xaneiro de 2013. A Concellería  do Medio Rural e Medio Ambiente, que dirixe Antonio Couso, pon de novo en marcha o programa de recollida de plásticos agrícolas, de silos e invernadoiros. Ao igual que en anteriores ocasións, os gandeiros e agricultores que soliciten a retirada destes materiais deberán de chamar ao Concello (986 580000), indicando os seus datos persoais e o lugar de recollida. Os avisos para participar neste servizo recolleranse ata o vindeiro día 13 de febreiro.

Nestes días iranse colocando nas parroquias avisos informativos explicando o funcionamento do servizo. Unha vez que se ordene a relación de solicitudes, a recollida por zonas e parroquias realizarase a partir do día 18 de febreiro.

Dende a Concellería de Medio Ambiente Antonio Couso incide na necesidade de que os interesados en que se lles retires os plásticos agrícolas chamen no prazo previsto, “para así poder organizar mellor a recollida”.

Do mesmo xeito, lémbrase aos gandeiros e agricultores que deben de cumplir certas normas para facilitar a recollida. Así, os plásticos deben de estar dobrados e empacados da mellor maneira. Ademais, pídese que os plásticos teñan a menor suciedade posible (de terra, herba, outras materias orgánicas…) así como que vaian misturados con outras materias impropias (tuvos de PVC, garrafas, sacos..) que poden dificultar os traballos de reciclaxe e o tratamento final de recuperación dos plásticos para novos uso. Nestes casos a recollida será rexeitada.

Servizo estable e recollida de neumáticos

Logo deste programa, tal e como xa se avanzara en días pasados, o municipio de Silleda contará cun servizo estable para a retirada dos plásticos agrícolas, unha das melloras acadadas logo das negociacións coa empresa xestora dos residuos. Así, a recollida no rural realizarase unha ou dúas veces ao mes, en función da demanda. “Despois desta recollida xeral, os usuarios terán á súa disposición durante todo o ano este servizo, co que así evitamos tamén que estes residuos se vaian acumulando”, indica Couso.

Outras das melloras logradas é a estrea dun servizo para a recollida de neumáticos. Neste caso, os solicitantes deben abonar o custe da reciclaxe ( o transporte é gratuito). Sería de 1,30 euros/ por unidade, para rodas de turismos; 2,10 euros para os de furgoneta; e 7,25 euros por cada roda de camión ou tractor. Despois de febreiro, unha vez rematada a campaña xeral de plásticos, os que desexen acollerse a este servizo poden chamar ao Concello. Cando se realice esta recollida de rodas tamén se aproveitará para levar os cartóns e embalaxes das explotacións. “Ademais de chamar para a recollida de plásticos, os gandeiros tamén poden dar aviso para que lle retiren as rodas e o papel-cartón”, sinala o concelleiro, que destaca que esta ampliación do servizo supón grandes melloras para o tratamento axeitados dos residuos.

 

A Bandeira revive o tradicional Alto dos Xenerais o vindeiro día 9 de febreiro

 

Silleda, 25 de xaneiro de 2013. A vila da Bandeira acolle os días 8 e 9 de febreiro a súa cita co entroido. O programa, que  foi presentado hoxe no Centro Cultural Vistalegre, comeza o venres día 8 coa vellada e o percorrido do tractor filloeiro polas rúas da vila a partir das 20.00 horas, acompañado pola charanga local Vida Loca. Dende este vehículo  repartiranse filloas, chourizo e viño, que serán gratis para os que vaian disfrazados de vellos/as. Pola noite haberá tamén un concerto rock de dous grupos locais no bar Arume.

Xa o sábado, a citada charanga acompañará tamén o desfile de cabezudos, unha tradición que se incorporou con éxito o pasado ano e que estaba moi presente nas festas da vila a principios do século XX.

Xa pola tarde terá lugar o desfile de carrozas e comparsas encabezado polo xenerais e correos que lanzarán os tradicionais “vivas” entre o público ao seu paso. O percorrido partirá dende a rúa do Deporte, onde os que desexen participar poden anotarse entre as 15.15 e as 14.45 horas. O desfile da mascarada rematará na praza da Feira, onde os máis cativos (de entre 9 e 10 anos) abrirán o fogo verbal no Alto dos Xenerais infantil, -organizado polo Ceip Bandeira-unha cita que se ven celebrando dende hai xa varios anos e que garantiza a continuidade desta tradición tan arraigada en municipios da ribeira do Ulla. Os da canteira darán o paso os correos e xenerais do Alto, -previsto para as 18.00 horas- eque incorpora a rapaces e rapazas que xa protagonizaron a sesión infantil anos atrás e que “ascenden” desta volta. En total serán 16 as persoas que participen na batalla dialéctica.

Premios e alta participación

Sara Blanco, secretaria da Asociación de Xenerais do Entroido da Bandeira explicou hoxe durante a presentación que os premios do concurso de máscaras e parrandas se dividen en tres categorías. Para as comparsas e carrozas hai un primeiro premio de 500 euros, donado por Frigoríficos Bandeira e Ortopedia Silva; un segundo de 300 euros (do Bar Arume e Óptica Silva); un terceiro dotado con 200 euros (de Vinoteca Cadeira e Bar Plazoleta); un cuarto premio de 100 euros (A Taberna do Músico); un quinto de 75 euros, (Clínica Dental Marta Macías); e un sexto de 50 euros, donado polo Bar Trécola. O Concello de Silleda tamén aportará 300 euros para repartir entre as dúas mellores charangas (con premios de 200 e 100 euros). Na categoría de individual, haberá dous galardóns, un primeiro con 100 euros (do Bar A de Filo e Bar Encontro) e un segundo de 50 euros de Fontanería Blanco.

Sobre o fallo dos premios, dende a organización destacan que son os propios participantes os que valoran as mellores propostas votando entre sí. “Temos xa xente doutras provincias que nos chamaron interesados en participar”, comentou Sara Blanco, que destacou que en 2012 se batiu o récord de participación no desfile. A noite rematará cun baile de disfraces no pavillón da Bandeira, amenizado polos dúos Azahara e Caché.

Na presentación participaron tamén o vicepresidente da Asociación de Xenerais da Bandeira, José Luis Blanco; Anxo Lois Diéguez, vogal e o concelleiro de Cultura e Turismo de Silleda, Matías R. Da Torre, quen destacou que na Bandeira “hai un relevo claro”. Tamén sinalou que “ano tras ano, nótase unha maior aficción e expectación” e que o entroido desta vila se diferencia por contar cun colectivo que traballa todo o ano para a organización da cita. “É na Bandeira onde realmente se produce un aguillón para outras parroquias onde medra o entusiasmo”, sinalou Datorre, lembrando que na veciña localidade de Lamela está a xestarse tamén outra asociación para preservar o entroido da Ulla.

No desfile de cabezudos, segundo comentou Anxo Lois Diéguez, contarán este ano con novos persoeiros (un cura e un monaguillo) que acompañarán ás figuras estreadas o pasado ano para recrear o casamento  noble, que segundo Benito Vicetto, na súa obra Historia de Galicia, se celebrou na Bandeira no século XV. 

O potencial turístico de Silleda, xa dispoñible nas redes sociais a través de Foursquare

 

Silleda, 24 de xaneiro de 2013. Baixo o nome de Dinamización do Turismo e o Comercio Local por medio das redes sociais presentouse hoxe en Silleda unha nova ferramenta para o fomento  dos recursos turísticos de Trasdeza , así coma do sector hostaleiro e do comercio.

A empresa local Ágilweb, de recente creación, vén de crear unha aplicación na rede social foursquare para dar a coñecer as múltiples posibilidades que ofrece unha visita ao municipio silledense. O concelleiro de Turismo, Matías R. Da Torre, que presentou a iniciativa xunto co xerente da firma, Ernesto Corrales, destacou que a día de hoxe son moitos os que usan a Internet para atopar información turística. “A dinamización do turismo ofrece con esta vía posibilidades económicas importantes”, engadiu o concelleiro, lembrando as sinerxias entre o turismo, e outros sectores coma o comercio ou a hostalería e o grande número de usuarios das redes sociais.

“Con esta nova aplicación, toda a información de  Silleda estará de xeito instantáneo a disposición dos usuarios, que cada vez utilizan máis a tecnoloxía  móbil para acceder á Internet e as redes sociais. Os nosos atractivos turísticos e culturais terán agora máis visibilidade nas redes sociais”, agregou.

Neste senso, Ernesto Corrales destacou que o último estudo anual sobre redes sociais realizado polo iab Spain Research, conclúe que 8 de cada 10 usuarios de Internet se conectan para acceder ás redes sociais, unha cifra que vai en aumento. Así mesmo, máis da metade dos usuarios acceden a través de terminais móbiles, conectándos a calquera hora e en calquera lugar.

“A rede Foursquare invita ademais a deixar comentarios, ou subir fotos que son compartidas en contas de Facebook e Twitter”, engadiu Ernesto Corrales, explicando que o uso desta ferramenta está máis extendido nas grandes ciudades, “algo moi interesante á hora de atraer máis visitantes”.

Ademais de interconectar coas redes sociais con máis seguidores, a través da aplicación, á que pode accederse na dirección es.foursquare.com/turismosilleda, tamén se ofrece información sobre locais comerciais ou hostaleiros da zona. 

“Esta aplicación permite ofrecer aos turistas diferentes itinerarios con un eixo temático ou xeográfico, suxerindo  puntos que visitar e incitando ademais a deixar os sus comentarios ou subir fotografías. Así incrementamos a calidade da experiencia turística”, engadiu Ernesto Corrales.

Os sitios que se visitan a través de Foursquare, baseada nos dispositivos móbiles que contan con xeolocalización,  compártense noutras redes, unha das principais vantaxes á hora de difundir o potencial turístico e os recursos dispoñibles para os visitantes.

 

 

O goberno logra outro acordo beneficioso: o pago da débeda co BSCH pasa de 360.000 a 178.000 euros

 

Silleda, 23 de xaneiro de 2013.  O goberno municipal de Silleda vén de alcanzar un importante acordo para zanxar a débeda co BSCH, entidade que iniciou un pleito hai xa varios anos para reclamar o pago dun crédito solicitado xa na época de Juan Salgueiro como alcalde.

O acordo supón rebaixar a débeda total de 360.239 (cantidade que inclúe tamén intereses de demora e costas procesais) ata os 178.000 euros. “Cremos que se trata dun convenio moi beneficioso para as arcas municipais de Silleda, e sobre todo tendo en conta que fomos quen de zanxar, dunha vez por todas, este frente”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena, que negociou nos últimos meses coa entidade Prime Credit, que asumiu no seu día a débeda da citada entidade bancaria.

A negociación rematou logrando un considerable aforro para as arcas municipais. Así, dos 360.239,51 euros que se lle debían ao Banco Santander Central Hispano (BSCH), como confirma a sentenza xudicial, a débeda pendente pasou a quedar, logo das negociacións, en 178.914,84 euros, ao renunciar a empresa ao cobro dos intereses.

“Lamentablemente, ao igual que acontece con outras sentenzas por impago contra este Concello outros gobernantes deixaron que os intereses de demora seguirán correndo de xeito vergoñento”, advirte Paula Fernández. A débeda principal ascendía a 178.914,84 euros (xa se pagaran no ano 2011, a cantidade de 12.000 euros), mentras que os intereses e as costas deste pleito se  situaban en 181.324,67 euros.

O acordo pasa por fraccionar esta cantidade pendente en tres pagos. O Concello vén de abonar 70.000 euros á empresa Prime Credit e a cantidade restante abonarase, según recolle o acordo noutros dous prazos, en  xaneiro de 2014 (70.000 euros) e en xaneiro de 2015 (38.914,84 euros).

Antecedentes: Crédito refinanciado no ano 2000

No ano 2008, o BSCH presentou un contencioso contra o Concello de Silleda por impago dun préstamo. Este crédito fora solicitado no ano 1997 polo goberno municipal, entonces presidido por Juan Salgueiro, para financiar obras municipais. Tres anos despois, o executivo do popular José Fernández Viéitez acordou en solitario, no pleno do 27 de xullo de 2000, refinanciar ese préstamo, por importe de 35 millóns das antigas pesetas.

Cando chegou a demanda estaba precisamente gobernando Paula Fernández, que nada máis enterarse da débeda iniciou, xa daquela, negociacións co BSCH. Así mesmo, tamén se presentaron alegacións ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), para que o proceso se pasara á vía civil, reclamación que foi atendida.  “Antes da moción de censura tiñamos incluso un preacordo para zanxar esta débeda co BSCH”, sinala Paula Fernández Pena.

 

 

 

O pasado 17 de decembro, o Xulgado de Primeira Instancia de Lalín emitiu sentenza na que se estima a demanda de Prime Credit e se condena ao Concello de Silleda ao pago da débeda.

Paula Fernández dará conta deste acordo no vindeiro pleno ordinario do xoves día 31. O executivo de Fernández Pena tamén conseguiu acordos con Urbaser, e empresas silledenses coma Indeza ou Sangiao. “Esa foi a liña que marcamos para atallar débedas e asumir sentenzas, o de dar prioridade a aqueles que fagan quitas. Ademais, hai que ter en conta que aqueles acreedores cos que conveníamos os pagos, tamén cobran antes”, sinala Paula Fernández.

A alcaldesa remarca que no caso do BSCH, “é un bo acordo pero por desgraza aínda temos outras sentenzas pendentes, que seguen ahí, coma a espada de Damocles sobre as contas municipais”, di a alcaldesa. Dende o goberno silledense advírtese que están a punto de sair outras dúas sentenzas condenatorias por impago, herdadas doutros gobernos, como son as de Sogama (con máis de 450.000 euros) e a de Indeza, por importe de 300.000 euros.

 

 

A Unidade Móbil do Centro de Transfusión de Sangue visita Silleda o vindeiro día 31

 

 

Silleda, 22 de xaneiro de 2013. O municipio de Silleda volve recibir este mes a visita da  unidade móbil do Centro de Trasfusión de Sangue de Galicia (CTG). Será o vindeiro xoves día 31 de xaneiro, cando os que desexen facer doazóns poden acudir á unidade, que estará no lugar de costume (avenida do Parque) en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. O  Concello  e o  CTG,  amosan  o  seu  agradecemento  a   todos os veciños que  participan  cada  ano  nas  campañas  de  doazón  de  sangue  e  permiten  deste  xeito  que  moitos  enfermos  recuperen  a  súa  saúde.

O Concello de Silleda súmase ao convenio marco entre a Fegamp e a Axencia Tributaria

 

Silleda, 22 de xaneiro de 2012. A orde do día do vindeiro pleno ordinario que celebrará a Corporación municipal de Silleda incluirá, entre outros asuntos a sinatura de varios convenios. Así, ademais dun acordo coa fundación HUMANA, tamén se abordarán outros dous convenios relacionados coa mellora no funcionamento da Administración Local.

Os tres acordos trataranse previamente na comisión informativa convocada para o xoves día 24, ás 10.00 horas.

Un dos acordos que se inclúen na orde do día pasa por sumarse ao convenio marco suscrito entre a Axencia Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) para o intercambio e suministro de información de carácter tributario.  Con este convenio, dende o Concello poderán solicitarse á Axencia Tributaria datos para certos procedementos, co que se axilizan os procedementos. Tamén poderán solicitar datos persoas ou entidades para realizar certos trámites municipais.

“Ademais de axilizar os trámites, nalgúns casos, só para certos támites,  evitaremos aos cidadáns que teñan que desprazarse  ata a oficina da Axencia Tributaria da Estrada”, explica a alcaldesa e concelleira de Facenda, Paula Fernández.

Así, dende o Concello (cumprindo os parámetros en materia de protección de datos e sempre coa autorización dos interesados) aqueles que queiran optar a unha subvención pública poden pedir un certificado de estar ao día no pago de tributos. O mesmo acontecería para aquelas personas que deben xustificar, con datos do IRPF, que están exentos, por exemplo de pagar algunha taxa ou imposto.

Outros dos convenios propostos é coa Rexistradora Titular do Rexistro da Propiedade de Lalín, a efectos da comunicación prevista no artigo 245.5 da Lei Hipotecaria, relacionado co imposto sobre aumento do valor de propiedades (plusvalías).

“Con este acordo facilitarase a xestión dos tributos municipais e mellorarase a recadación evitando as demoras no pago deste imposto”, sinala a alcaldesa e concelleira de Facenda, Paula Fernández. Así, o Rexistro da Propiedade de Lalín informará ao Concello de Silleda das súas inscripcións, para proceder dende o Concello a facer a correspondente liquidación da plusvalía. A rexedora sinala que “ao igual que no caso da Axencia Tributaria, este acordo significará unha mellora sustancial no funcionamento do Concello e na xestión dos impostos”, engade.

Entidade colaboradora

 Por outra banda, o Concello de Silleda asinará un convenio coa Fundación Pueblo para Pueblo (HUMANA) que desenvolve acción de cooperación internacional. En virtude deste acordó, ademais da colocación de colectores para a recollida de roupa e calzados usados, tamén se levará a cabo un programa de actuacións, co obxectivo de sensibilizar aos veciños e veciñas de Silleda sobre a reciclaxe, unha conciencia sostible e para levar a cabo tamén acción solidarias a nivel local.

O acordo inclúe a colocación dun total de 12 colectores especialmente deseñados para a recollida de roupa e calzado en distintos puntos do municipio. A día de hoxe, a entidade xa dispón de dous colectores en Silleda e na Bandeira.

Con este convenio, non só se amplía a presenza deste servizo, senon que ademais se inclúen outras actuacións beneficiosas para a poboación en xeral. HUMANA asumirá todos os custes de transporte e traslado dos materiais recollidos, cos que se financian proxectos de cooperación en diferentes países de África, América Latina e Asia, que desenvolve esta fundación dende o ano 1987.

HUMANA deberá comunicar ademais cada trimestre ao Concello, como entidade colaboradora, a cifra de kilos recollidos  no municipio, así coma un resumo anual.

A maiores da recollida, este convenio polo que o Concello de Silleda pasa a convertirse en ente colaborador desta ONG, inclúe accións de sensibilización (coma conferencias, xornadas ou outras) para concienciar sobre a importancia da reciclaxe de produtos textís, que se concretarán posteriormente nun programa de actuacións.

Así mesmo, prevese a realización de accións de solidariedade a nivel local, coa entrega anual de 350 kilogramos de roupa usada ao departamento de Servizos Sociais. 

O Concello tomará medidas ante a presenza masiva de pombas na Bandeira

 

Silleda, 21 de xaneiro de 2012. O Concello de Silleda prevé a adopción de medidas ante a presenza masiva de pombas na localidade da Bandeira. O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, mantivo  hoxe unha xuntanza con responsables da empresa Larus Control , á que xa lle encargou a elaboración dun estudo para ver a posibilidade de facerlle fronte a esta problemática.

A gran cantidade de excrementos que xeran nalgúns puntos da Bandeira está a supoñer un preocupante problema de suciedade e salubridade que xa motivou as queixas dos veciños. Cuíña explica que un dos puntos máis conflictivos está na rúa Xeral, xunto á parada dos taxis.  “Neste caso hai gran cantidade de pombas que aniñaron no edificio que está ao lado, que a día de hoxe está desabitado”, explica. A Asociación de Veciños de Manduas (Avema) xa trasladara no seu día as queixas ao goberno municipal pola situación das beirarrúas neste punto, case intransitables pola gran cantidade de excrementos. “Hai que tomar medidas xa que ademais de estar a rúa sucia esta acumulación pode converterse nun foco de infección”, sinala o concelleiro. Tamén se rexistra unha elevada concentración no último tramo da rúa Ramón de Valenzuela. “Temos constancia de que as pombas están aniñando en edificios abandonados, e aínda que non se vexan, a longo prazo pode convertirse nun problema de insalubridade”, remarca o concelleiro.

Larus Control, a empresa que tamén se está a encargar de controlar a vaga de estorninos en Lalín, elaborará agora un plan de actuación para atallar a problemática. Esta empresa encargaríase de controlar a especie e do traslado dos animais ao seu centro cinexético.  “Hai que actuar para evitar que os niños vaian a máis”, engade Manuel Cuiña.

 

A parroquia de Lamela abre a programación do Entroido o sábado 2 de febreiro

Silleda, 18 de xaneiro de 2013. O preludio do entroido en Silleda chega o vindeiro sábado día 2 de febreiro, coa parroquia de Lamela como protagonista. A primeira cita do entroido en Trasdeza está organizada pola mocidade de Lamela en colaboración co Concello, que a través da Concellaría de Cultura,  está a pechar toda a programación para os vindeiros días.

O entroido en Lamela comezará co desfile de carrozas, comparsas e disfraces, previsto para as 16.30. A comitiva partirá dende Barrabaite, onde os que desexen participar no concurso deben apuntarse na carroza da organización. O desfile continuará pola estrada N-525 e rematará no campo da festa, onde ás 18.00 horas está prevista a celebración do Alto dos Xenerais. Esta será a primeira loita dialéctica do entroido na comarca dezana, onde pervive a ancestral tradición que comparten varios municipios da beira do Ulla.

Logo do encontro de correos e xenerais tampouco faltará o discurso do pregoeiro, que fará o habitual repaso crítico ao ano. Ás 22.30 horas comezará o baile de disfraces cunha discoteca móvil con música latina e dance a cargo dos DJ’s Jose Luis e Suso. Haberá premios ás mellores carrozas e disfraces que como é habitual se entregarán á medianoite.

Asociación Anxela

Eduardo Villar, un dos membros da comisión organizadora, explica que na parroquia a celebración do entroido vense celebrando de xeito ininterrumpido dende o ano 2005, logo de que un grupo de mozos e mozas decidirá recuperar unha festa que tiña en Lamela un dos principais destacamentos do entroido da Ulla.

“É por iso que decidimos crear unha asociación, que se constituirá formalmente en breve, para preservar tamén o Alto dos Xenerais, recuperando unha tradición que en Lamela tiña moita zona”, sinala Villar, que xunto con Alfredo Espiño, María José Fernández, Diego Figueiras, e Juan Fontao, entre outros, forma parte do grupo organizador.  Avanzan que o colectivo se chamará Anxela (Asociación de Xenerais de Lamela).

O concelleiro de Cultura e Turismo, Matías R. Da Torre, que participou na presentación do programa de Lamela, eloxiou “o traballo da mocidade á hora de continuar con esta tradicional celebración, e a súa decidida aposta por manter un entroido propio, no que cada vez hai maior presenza dos Xenerais”, conclúe. Da Torre sinala  que Lamela será a “primeira parada” no calendario do entroido de Trasdeza, que se presentará en datas vindeiras.

Tapas típicas do entroido

Ademais, durante o sábado día 2 os establecementos hostaleiros da parroquia ofertarán tapas con produtos típicos da festa do entroido, promocionando tamén a gastronomía entre o público asistente. Dende a organización, que tamén está a vender rifas a 1 € para o sorteo dun televisor LCD, agradecen os apoios recibidos para a celebración da festa. 

Ir á primeira páxina Ir á páxina anterior 

 Ir á páxina seguinte Ir á última páxina