O CIM de Silleda programa unha campaña nas redes sociais durante o mes de marzo sobre a muller traballadora

 

Silleda, 6 de marzo de 2013. O Centro de Información á Muller (CIM) de Silleda, con motivo do Día Internacional da Muller que se celebra pasado mañá venres, realizará ao longo deste mes unha iniciativa nas redes sociais para difundir o traballo e opinión de distintas veciñas do municipio. Dende o departamento coordinarase a realización de vídeos con imaxes e tamén mensaxes para facer visibles ás mulleres silledenses, transmitindo tamén a cultura do pobo de Trasdeza. “Coñeceremos as súas formas de producir arte, de manufacturar obxectos, a súa participación nas distintas industrias ou as formas en que colaboran na organización da vida en común”, explica a directora do CIM, Carme Miranda.

Artistas, artesanas, gandeiras…falarán sobre igualdade de xénero, o poder da arte, a responsabilidade social da muller…

Os traballos iranse subindo ás redes sociais e ao blog do cim (cim.silleda.blogspot.com), onde xa se atopa información sobre esta iniciativa. 

A Concellería de Medio Rural programa xunto con Unións Agrarias un curso gratuito de viticultura

 

Silleda, 5 de marzo de 2013. A Concellería de Medio Rural e Medio Ambiente de Silleda, que dirixe Antonio Couso, organiza en colabroación co sindicato Unións Agrarias un curso gratuito sobre o mundo do viño, que se celebrará dende o vindeiro día 21 ata o 11 de abril. O ciclo dirixido a persoas vinculadas ao mundo agrario (deben de ter cartilla agraria e menos de 65 anbos) impartirase polas tardes na Casa da Cultura.

Os interesados/as poden inscribirse ata o vindeiro 18 de marzo chamando por teléfono ao número 986 580000. O ciclo abarca amplos contidos relacionados co mundo da viticultura, dende a podas das viñas ata o almacenamento do viño.

Dende a Concellería de Medio Rural seguese apostando pola formación con ciclos coma este, en colabroación con Unións Agrarias. Antonio Couso avanza que o vindeiro mes de abril, tamén xunto co citado sindicato, terá lugar outro curso de poda de árbores frutais.

 

O banco de alimentos de Silleda Solidaria recibe 2.242 kilos de alimentos da Cruz Vermella

 

Silleda, 1 de marzo de 2013. O programa Silleda Solidaria vén de ampliar as provisións no banco de alimentos cunha nova entrega por parte da Cruz Vermella. En total esta entidade benéfica achegou  esta vez, dentro do seu Plan 2012 de suministro de alimentos ás persoas máis necesitadas, un total de 2.242 kilos de comida. Dende o departamento de Servizos Sociais, onde se coordina o plan Silleda Solidaria, estanse a ultimar os lotes de alimentos que comezarán a entregarse o vindeiro luns.

Na entrega figuran alimentos básicos coma aceite de oliva, arroz, conservas, leite, legumes, pastas,  ou alimentos infantís, entre outros. Serán entregados con lotes variados a preto de medio cento de familias residentes no municipio.

Dende o programa Silleda Solidaria agradécese esta nova achega da Cruz Vermella, que vén a incrementar os fondos do seu banco de alimentos, no que tamén se están a recibir doazóns por parte de asociacións do municipio e tamén de particulares.

Así mesmo, tamén se agradece o xesto das asociacións que están a responder ás chamadas á solidaridade feitas dende o programa municipal.

 

A apertura do albergue da Bandeira retrasase ao pedir unha prórroga a empresa construtora

 

Silleda, 1 de marzo de 2013. As obras do albergue de peregrinos da Bandeira, que estaba previsto rematar a finais deste mes (para a Semana Santa), sufrirán un retraso sobre as previsións iniciais. A empresa adxudicataria dos traballos, Aopil, solicitou en días pasados unha prórroga de un mes e medio para rematar as obras, debido ás malas condicións climatolóxicas, con choiva nas últimas semanas.

As obras comezaron o pasado 14 de xaneiro, coa limpeza da finca situada e a instalación de servizos básicos (auga, saneamento…) por parte do Concello. A dotación, con 13 módulos prefabricados, adxudicouse por importe  de 216.016 euros. A parcela da propiedade dunha  familia da Bandeira, á que dende o Concello se lle agradece a cesión realizada mediante convenio, terá o acceso principal dende a rúa Lourás.

 O edificio construirase coa colocación dun total de 13 módulos prefabricados de alta calidade, con climatización, un patio interior cuberto, e instalacións de enerxías renovables, en pranta baixa. A capacidade, como xa se anunciou no seu día, é de 36 prazas. O espazo distribuese en dormitorios, dormitorios para persoas con discapacidade, aseos, duchas e cociña-comedor. Así mesmo, as zonas disponibles entre os módulos servirán como áreas de descanso e zona de lavado e secado.

O exterior do edificio quedará revestido con paneis de resinas termoendurecibles (tipo “trespa”), mentras que os espazos xenerados entre os módulos realizaranse a base de pranchas de polietileno reticulado. O convenio entre o Concello de Silleda e o Xacobeo establece que a cesión do terreo se realizará por un prazo de 15 anos, coa posibilidade de revisar o acordo no primeiro lustro.

 

 

 

Comezan a traballar 7 desempregados no Concello a través do programa de Traballos de Colaboración Social

 

Silleda, 28 de febreiro de 2013. Mañá venres día 1 de marzo comenzarán a traballar no Concello de Silleda sete personas en situación de desemprego, a través do programa de Traballos de Colaboración Social. Estes traballadores foron solicitados á Oficina de Emprego o pasado mes de xaneiro. Os sete operarios seguiran percibindo o subsidio (abonado polo INEM), xa que seguen en situación de desemprego, e o Concello abonaralles a cantidade correspondente ata  completar a Base de Cotización Social, ou no seu caso o Salario Mínimo Interprofesional.

Dos sete operarios/as solicitados, 4 son peóns de limpeza (barrendeiros), para realizar tarefas de limpeza viaria. Tamén comezan outros dous operarios de xardinería, para acondicionamento e atención das diferentes áreas recreativas que son propiedade do Concello (parque das Pedrosas, parques infantís, áreas de descanso, áreas recreativas no rural, xunto á vía da prata…). Por último solicítase tamén un peón de electricista, para realizar actuacións enmarcadas no programa de aforro enerxético.

Os sete (seis homes e unha muller), que foron seleccionados pola Oficina de Emprego, terán o horario habitual dos seus respectivos departamentos e realizarán as función que lle correspondan por un periodo de 6 meses, ata o 31 de agosto. O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña mantivo esta mañá un encontró coas persoas que participan neste programa e que comezan xa mañá a desempeñar tarefas no Concello.

 

Turno da maquinaria da Mancomunidade

Por outra banda, o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, informa que hoxe o equipo de maquinaria da Mancomunidade Terras do Deza iniciou unha nova quenda de traballo no municipio. Os dous equipos habituais, un pisón e unha motoniveladora, xa comezaron hoxe os traballos de ampliación dun camiño de terra en Fontefría (parroquia de Xestoso). Cuíña explica que ata que remate o turno, o vindeiro día 2 de abril, este equipo realizará diversos traballos en varios puntos do territorio municipal silledense. 

A Concellaría de Turismo fai un balanzo moi positivo da súa presenza en Turexpo

 

Matías Rodríguez da Torre, Concelleiro de Turismo do Concello de Silleda realizou esta mañá unha valoración moi positiva da presenza do Concello como expositor en Turexpo. Destacou en especial a participación na bolsa de contratación con tourooperadores e as numerosas visitas recibidas no stand durante esta pasada fin de semana no Recinto da Feira Internacional de Galiza.

Mereces este capricho rural foi o lema escollido polo equipo de turismo do Concello de Silleda para a eleaboración e presentación,por primeira vez, de dous paquetes para tentar sintetizar os encantos de Trasdeza e vender o turismo de interior, de natureza e cultura, aos touroperados foráneos que participaron na bolsa de contratación de Turexpo Galicia.

Nas entrevistas e na atención aos visitantes participaron a diplomada en Turismo Rocío Liñares e o xeógrafo Afonso Leal, ambos os dous con experiencia no ámbito do turismo no Concello, os cales contactaron satisfactoriamente con medio centenar de touroperadores do exterior, ente os que se atopan 20 europeos, 14 españois, 9 americanos, 1 hindú e 1 xaponés.

Os paquetes consistían en unha ou dúas xornadas no termo municipal de Silleda valoradas en 80 e 190 euros respectivamente incluindo visitas con guía turístico dirixidas a grupos e transporte en autobús:

. No caso dun só día visita a: Fervenza do Toxa, Mosteiro de Carboeiro e pepquena ruta do románico coas igrexas de Breixa e Ansemil e visita a unha queixaría artesanal, acompañando isto de xantar.

. No caso das dúas xornadas: con aloxamento en casas de turismo rural ou hoteis (sobre todo para grupos moi numerosos) e os correspondentes almorzos, xantares e ceas, ademais tamén incluía unha granxa leiteira, e visitas ao Castro de Toiriz e fervenza de Férveda.

Os paquetes foron moi ben acollidos especialmente por empresarios do turismo do eido  do turismo rural, gastronómico, arqueolóxico e do sendeirismo e turismo activo e de aventura.

Por último, Matías R. da Torre tamén quixo pór de relevo os centos de persoas que se interesaron no stand de información do turismo do Concello de Silleda e tiveron especial curiosidade pola realización do video presentación.

 

 

 

Área de Autocaravanas

O Concelleiro de Turismo destacou como unha magnífica nova para o desenvolvemento turístico que redundará directamente como un incentivo na economía de Silleda o acordo apalabrado no acto de clausura da asemblea da Asociación de Autocaravanas de Galiza, desde a presidencia do colectivo e a xerencia da Fundación Semana Verde de Galiza para poder instalar no recinto feiral unha área fixa para a parada de autocaravanas.

Rematan as obras de mellora da pista de Lamela incluídas no PEIM

 

Silleda, 22 de febreiro de 2013. As obras do Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM), que comezaron o pasado mes de novembro na parroquia de Cira, continuaron nas comezaron estes días na parroquia de Lamela. A empresa Tragsa vén de rematar a mellora do vial que comunica o lugar da Peroxa coa veciña parroquia de Piñeiro. Os traballos incluiron tamén a mellora doutro tramo, entre a citada pista e o lugar de Traslamela. Esta actuación é a máis cuantiosa do PEIM no municipio de Silleda, cunha inversión que alcanzou os 21.647,33 euros.

A través deste programa invertiranse en Silleda un total de 106.643 euros, para arranxar e mellorar unha ducia de pistas e camiños en distintas localidades do municipio.

Así, incluíronse nesta actuación as pistas de Os Chaos (en Cortegada); O Barro (Parada); Riobó (en Refoxos); Mazarelos (en Vilar); Sante (en Laro); Casas do Monte (en Silleda); Breixa (no entorno da igrexa); Margaride (hacia Costela); Chapa (cara a igrexa); Cuíña (en Piñeiro) Condao (Cira) e a citada de Lamela.

Un terzo do orzamento total do PEIM é aportado pola Xunta de Galicia, mentres que o resto das aportacións corresponden ao Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, e a fondos municipais. O devandito presuposto das obras, 106.643 euros correspóndense á parte achegada polo Ministerio, xa que a da Xunta xa foi executada no ano 2010.

O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, , destaca que a través deste plan se mellorarán notablemente os accesos a esta ducia de puntos do rural, completando outras actuacións do departamento municipal de Obras “para a reforma de infraestruturas e servizos”.

 

Comeza a recollida de plásticos agrícolas no rural silledense

 

 

Silleda, 18 de febreiro de 2013. O programa de recollida de plásticos agrícolas de silos e invernadoiros arrancou hoxe no municipio silledense, onde nas últimas semanas se recibiron máis dun centenar de avisos por parte dos gandeiros e gandeiras de distintas parroquias.

En total foron 104 as chamadas recibidas no departamento municipal de Medio Rural e Medio Ambiente dende distintas parroquias do municipio para contar con este servizo, totalmente gratuito. A axenda da recollida iniciouse hoxe na parroquia de Escuadro, coa retirada de plásticos nos lugares de Bustelo, Cimadevila, Sestelo, Soldecasa, Escuadro e Penadauga.

O concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Antonio Couso, sinala que a demanda dos gandeiros e gandeiras está na liña de anos anteriores e lembra que este servizo, logo desta recollida, continuará ao longo de todo o ano.

Este servizo estable para a retirada de plásticos agrícolas é unha das melloras acadadas logo das negociacións coa empresa xestora dos residuos Secope. Realizarase unha ou dúas veces ao mes, en función da demanda que exista. “Despois desta recollida xeral que se está levando a cabo, os usuarios terán á súa disposición durante todo o ano este servizo, co que así evitamos tamén que estes residuos se vaian acumulando”, indica Couso.

Retirada de neumáticos e papel-cartón

Outras das melloras logradas é a estrea dun servizo para a recollida de neumáticos. Neste caso, os solicitantes deben abonar o custe da reciclaxe ( o transporte é gratuito). Sería de 1,30 euros/ por unidade, para rodas de turismos; 2,10 euros para os de furgoneta; e 7,25 euros por cada roda de camión ou tractor. Despois de febreiro, unha vez rematada a campaña xeral de plásticos, os que desexen acollerse a este servizo poden chamar ao Concello. Cando se realice esta recollida de rodas tamén se aproveitará para levar os cartóns e embalaxes das explotacións. “Ademais de chamar para a recollida de plásticos, os gandeiros tamén poden dar aviso para que lle retiren as rodas e o papel-cartón”, sinala o concelleiro, que destaca que esta ampliación do servizo supón grandes melloras para o tratamento axeitados dos residuos.

 

 

 

O PXOM de Silleda recibiu a día de hoxe 147 alegacións

 

Silleda, 16 de febreiro de 2013. O departamento municipal de Urbanismo do Concello de Silleda contabilizou a día de hoxe un total de 147alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A inmensa maioría destas alegacións, un total de 135 pertencen a zonas do rural silledense e as doce restantes aos dous núcleos urbanos (10 de Silleda e dúas da Bandeira).

A falta dun mes para que remate o periodo de exposición pública (o prazo acábase o 17 de marzo), foron moitos os veciños e veciñas de Silleda, así coma propietarios que residen fóra do municipio, os que consultaron o documento, tanto nas dependencias municipais de Urbanismo como nas reunións que se celebraron nas parroquias, e tamén a través da web municipal (www.silleda.es).

“Nas visitas ao rural estamos a ter unha grande afluencia de xente”, explica a alcaldesa e concelleira de Urbanismo, “o que demostra o interese dos veciños e veciñas, que normalmente acostuman a visitar despois o departamento de Urbanismo para asesorarse nas súas alegacións co persoal técnico”, engade.

A día de hoxe xa se celebraron reunións nun total de 23 parroquias e a toa finais de mes estas xuntanzas continuarán en Saídres (luns 18); Abades (19); Breixa (20); O Castro (21); Ponte (22). A última semana as reunións terán lugar en Escuadro (luns 25); Xestoso (martes 26) e por último en Manduas o mércores 27. Así mesmo, o planeamento está a disposición do público dende o pasado 26 de decembro nas dependencias de Urbanismo, e tamén se pode consultar na páxina web, onde tamén se ofrece un formulario para cubrir as alegacións e un documento coas instruccións para cumplimentalo.

No referente ao rural, moitas das alegacións recollidas refírense á exclusión ou inclusión de propiedades dentro de núcleo rural. Tamén se están a rexistrar reclamacións para facer correccións na planimetría (camiños privados que se grafiaron como públicos, liñas eléctricas…) .”Por iso as alegacións dos veciños serán moi importantes para que o texto se enriqueza e mellore”, engade Paula Fernández. A alcaldesa tamén ten previsto iniciar contactos con propietarios para a firma de convenios urbanísticos nas zonas de posible desarrollo.

“Aínda queda un mes para que os veciños e veciñas nos fagan chegar as súas alegacións, coas que esperamos mellorar o documento”, engade resaltando que a cantidade e o contido das reclamacións realizadas ata o momento amosan “que o planteamento do Plan Xeral está ben formulado”, engade. Paula Fernández destaca ademais dous aspectos neste periodo da exposición do documento, aprobado inicialmente nun Pleno extraordinario o pasado 18 de decembro: a gran accesibilidade que está a ter o público ao documento e o asesoramento dos técnicos, que están a axudar aos propietarios/as na redacción das alegacións, tanto no propio departamento como nas reunións das parroquias.

O Concello participará na bolsa de contratación de Turexpo

 

Silleda, 16 de febreiro de 2013. O Concello de Silleda estaá presente no III Salón Turístico de Galicia, Turexpo 2013, que se celebra no recinto Feira Internacional de Galicia a vindeira fin de semana. A entidade local anfitriona participará no certame cun stand promocional no que se amosarán os recursos máis senlleiros (mosteiro de Carboeiro, Fervenza do Toxa, cultura castrexa, rutas de sendeirismo…), ademais de outros elementos patrimoniais. Neste stand tamén se proxectará un vídeo promocional feito para a ocasión, que dará a coñecer actividades carácter cultural, turísticas e gastronómicas.

De xeito paralelo e tendo en conta o carácter eminentemente profesional do certame Turexpo, o Concello de Silleda participará na bolsa de contratación turística deste salón. O concelleiro de Turismo, Matías Rodríguez da Torre explica que se ofertarán dúas rutas básicas, nas que se poñerán en valor elementos coñecidos coma o mosteiro de Carboeiro ou a Fervenza do Toxa xunto a outros coma a Férveda de Escuadro, unha pequena ruta do románico (con Ansemil e Breixa como paradas) así coma outros atractivos novidosos. As visitas a unha explotación agraria ou a unha queixaría formarán parte dos paquetes turísticos, que se combinarán con estancias nas cdas de turismo rural e cos restaurantes do municipio. Do mesmo xeito, nos paquetes para grupos incluiríase o servizo de guía turístico. “Ofertaranse dous paquetes turísticos que os touroperadores poderán negociar co Concello de Silleda para logo participar os establecementos interesados”, explica Da Torre. Na bolsa de contratación establecerán uns prezos estimativos, que de ser o caso, se negociarían cos establecementos interesados. “Trátase de poñer a Silleda no mapa dos touroperadores”, sinala o concelleiro, “combinando elementos moi coñecidos coma Carboeiro con outros recursos turísticos do noso municipio ou a posta en valor de sectores coma o lácteo, fomentando as visitas a explotacións agrarias” , engade Da Torre. Das relacións cos touroperadores encargaranse Rocío Liñares, diplomada en Turismo e que logo do seu traballo como guía en Carboeiro segue a colaborar co departamento municipal, e o xeógrafo silledense Afonso Leal. 

Ir á primeira páxina Ir á páxina anterior 

 Ir á páxina seguinte Ir á última páxina