Hoxe acéndese o alumeado de Nadal das asociacións en Silleda e na Bandeira

 

Silleda, 18 de decembro de 2012. Esta noite acenderase o alumeado nalgúns puntos das vilas de Silleda e da Bandeira grazas á colaboración de colectivos sociais, logo da proposta feita polo Concello de Silleda, a través da Concellaría de Cultura.

Na Bandeira, onde colaboran varios colectivos (Avema, Amigos a Empanada, Centro Cultural Vista Alegre e Ana Brincadeira, Xenerais do Antroido), xa se estrenou onte luns a árbore e os adornos colocados pola Anpa. Esta noite será o prendido de algúns  adornos lumínicos que asumirá a Asociación de Amigos da Empanada, que corre cos gastos contando co superávit da entidade, cunha pequena cantidade.

Na vila de Silleda, despois do ofrecemento feito a varias asociacións, Olaia respondeu á proposta. Así, ademais de asumir os gastos de parte deste alumeado, (nas rúas máis céntricas ) xestionou  a colaboración de dúas empresas nesta iniciativa: Asesoría Rivas e Iberdrola.

“Hai que agradecer a estas dúas empresas a súa colaboración porque dende a Concellería de Cultura tamén llo pedimos a Hidroeléctrica de Silleda e aínda estamos agardando”, sinala o concelleiro Matías R. Da Torre. “ A partir desta noite haberá alumeado tanto nas dependencias municipais onde se celebrarán actividades coma nas dúas vilas, grazas as asociacións Amigos da Empanada e Olaia”, sinala Da Torre, que fai extensivo o agradecemento ao resto de colectivos que participan na iniciativa e aos particulares que se sumaron adornando as súas ventás, casas, fachadas....

 

Premio ao mellor decorado

Esta convocatoria aberta á cidadanía (tanto a particulares como colectivos) para as decoracións de Nadal tamén contará cun premio á mellor proposta decorativa. Para participar nesta iniciativa non é preciso anortarse, xa que un grupo de persoas que formará parte do xurado estará de xeito permanente nestas datas visionando polas vilas os distintos decorados. O fallo do premio darase a coñecer o vindeiro día 7 de xaneiro. “A proposta de premiar ao mellor decorado, que nos suxeriu un particular, servirá para animar aos veciños e veciñas a participar nesta fórmular colectiva da decoración de Nadal”, engade Da Torre.

 

 

Adxudicadas á empresa Pena e Caramés as obras de reparación de Portodabalde

 

Silleda, 17 de decembro de 2012. A Deputación de Pontevedra vén de comunicar ao Concello de Silleda a resolución pola que se adxudica á empresa silledense Pena Caramés o proxecto “Reparación de paso sobre o río Refoxos”, no vial de Portodabalde (Parada).  

Esta actuación foi incluída polo goberno municipal no Plan de Investimentos da Deputación (PID) do ano 2012, advertindo do seu carácter urxente. O importe da actuación é de 34.001 euros.

O mal estado deste punto do vial, o principal acceso á parroquia silledense de Parada, apremiaba unha actuación urxente, logo de que o pasado verán se detectara a formación de socavóns por mor do afundimento dos tubos metálicos que forman parte da estructura da carretera.

“É unha actuación moi urxente e necesaria, xa que se segue a chover neste inverno coma nos días pasados a estrada pode afundirse por completo, á vista do grande deterioro das tubaxes”, sinala o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña.

 

 

 

Segundo se recolle na comunicación da Deputación, o prazo de execución das obras é de 30 días. “Agardamos que se cumpra o prazo estipulado na resolución, para atallar dunha vez por todas a problemática deste vial”, engade Cuíña.

O pasado 24 de outubro a Xunta de Goberno Local aprobou, nunha sesión con carácter urxente e extraordinaria o Proxecto de reparación do paso sobre o río Refoxos, encargado dende a Administración local.

O pasado mes de setembro os técnicos municipais corroboraron logo dunha visita a Portodabalde que os danos eran moito máis grandes do que se pensaba nun principio, xa que  a baixada do nivel de auga revelou o grave deterioro das tubaxes da ponte. “Pensabamos que estaban peor nas esquinas e que podería comezar a afundirse na parte central, pero a triste realidade é que nesta parte do medio están xa en moi mal estado”, sinala o concelleiro.

Dende o Concello de Silleda  solicitouse xa entón ao organismo autónomo Augas de Galicia autorización para a retirada de toda a canalización do regato sobre a que se asenta o vial, e o permiso chegou en días pasados. Tamén se informou á Asociación de Veciños de Parada, que no seu día alertou ao goberno silledense do progresivo deterioro, sobre a situación atopada.

Tráfico restrinxido

Dende o pasado 25 de agosto, logo da advertencia da Asociación de Veciños, e en virtude do informe Policial realizado ao respecto, o tráfico no vial de Portodabalde quedou limitado para os vehículos pesados e agrícolas (ata 4 toneladas). A zona está sinalizada e dende o Concello pideuse aos veciños e usuarios que eviten pasar con vehículos agrícolas por este punxo, xa que o paso de tráfico pesado suporía un maior.

O Concello de Silleda xa realizou reparacións neste punto, onde os tubos metálicos colocados a modo de ponte romperon xa en dúas ocasións provocando o afundimento do firme.

 

 

Carlos Callón presenta en Silleda o seu libro Cómo falar e escribir en galego con corrección e fluidez

 

-A presentación da obra, editada por Xerais, terá lugar ás 21.00 horas na biblioteca municipal Daniel Castelao

 

Silleda, 15 de decembro de 2012. O vindeiro martes día 18, dentro da programación de Nadal, terá lugar en Silleda a presentación do libro “Como falar e escribir en galeg con corrección e fluidez”, de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. A cita será ás 21.00 horas na biblioteca municipal Daniel Castelao, e ademais do autor da obra, participarán o concelleiro de Cultura, Matías R. da Torre e o  coordenador de Queremos Galego Deza, Afonso Leal.

Editada por Xerais, nesta obra práctica Callón, de xeito desenfadado e mediante anécdotas, ofréce consellos para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social. Este libro é útil para un público diverso, interesado na lingua nosa, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorala.

Carlos Callón (Ribeira, 1978) é presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (a maior asociación cultural de Galiza) e da Fundación Via Galego, así como portavoz nacional da plataforma unitaria Queremos Galego. Tamén presidiu o Comité de Estado da Axencia Europea de Linguas Minorizadas. Profesor de Lingua e literatura galegas en secundaria e investigador sobre sociolingüística e literatura, materias sobre as cales é un prolífico conferencista. Foi tamén concelleiro na súa vila natal e membro do Consello Asesor de RTVE-G. Publicou os ensaios Unha historia que nos pertence. A obra poética en galego de Lorenzo Varela (2005), En castellano no hay problema (Xerais, 2010), Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais, 2011) Premio Redelibros de Ensaio, Amigos e sodomitas (2011) Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e Premio Fervenzas Literarias de Ensaio e Como escribir en galego con corrección e fluidez (Xerais, 2012). Obtivo tamén varios galardóns pola súa obra de creación, entre os cales salienta o Premio Internacional de Teatro Breve Lauro Olmo (1996). Ademais de colaborar con asiduidade en varios medios de comunicación, mantén o blogue www.carloscallon.com

 

O Plan Xeral, dictaminado favorablemente para o pleno que se celebrará o martes 18 de decembro

 

Silleda, 14 de decembro de 2012. O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda quedou hoxe dictaminado favorablemente para a súa aprobación inicial o vindeiro martes, no pleno extraordinario que se celebrará ás 10.00 horas. O documento, realizada pola empresa Eptisa e que incorporou as correccións solicitadas pola Xunta,  contou cos votos a favor dos dous grupos do goberno (PSOE e BNG), e coa abstención do PP.

Sobre a suspensión de licenzas, que é preceptiva naquelas zonas onde varíe a catalogación do solo, cómpre reseñar que queda excluído da suspensión o parque empresarial Área 33, que se rixe polo seu propio plan parcial. A modificación deste plan entrou en vigor o pasado mes de xullo, permitindo novos usos no polígono industrial e outras actuacións coma o adosamento de naves, solicitada polos propios empresarios. “No polígono non se suspenderán as licenzas de obra porque fixemos os deberes antes. Así, permitiremos que os emprendedores que queiran crear novas empresas sigan tendo posibilidades urbanísticas  no polígono de Silleda, neste momento de tanta incertidumbre económico”, sinala a alcaldesa e concelleira de Urbanismo, Paula Fernández Pena.

Os permisos de obra tamén se seguirán concedendo para as solicitudes de ampliación de explotacións agrarias no rural, de acordo coa disposición transitoria décimo primeira da Lei de Ordenación Urbanística e de Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA). “ Con esta medida tamén estamos a apoiar ao sector gandeiro”, engade.

No tocante aos organismos sectoriais aos que se lle debe remitir o PXOM, o informe do técnico municipal recolle que debe de ser a Xunta (Consellería de Medio Ambiente, Consellería de Cultura, Consellería de Medio Rural, Consellería de Economía e Industria, Administración Local, Deputación de Pontevedra e Concellos limítrofes).

A única aportación do PP

Os membros do Partido Popular que acudiron á comisión limitáronse a solicitar unha copia do documento en CD. A alcaldesa díxolles que a pediran por escrito, “logo de ver o mal uso que xa fixeron unha vez do documento”.  Tamén o voceiro do BNG, Matías da Torre, lles recriminou que “só quixeran a copia do documento para poder latricar nestes últimos tres días, porque ao PP non se lle coñece ata hoxe ningunha aportación”.

Sí se lles deu a opción de consultalo de xeito inmediato no Concello ata o vindeiro luns á hora que eles queiran, para ver os planos, e de feito, os dous voceiros do PP quedaron rematada a sesión vendo por primeira vez o documento que irá a Pleno. “Non sabemos se van volver querer velo antes da sesión plenaria, o que sí sabemos é que non o quixeron ver antes”, sinala Paula Fernández, xa que dende que o documento,  coas correcións da Xunta, chegou ao Concello, a finais do pasado mes de novembro, o PP non solicitou ver a documentación en ningún momento.

Segundo manifestou na comisión a vicevoceira popular, Marta López Arines, daríalles tempo suficiente a revisalo nestes últimos tres días. “Vendo o traballo que realizou a oposición en todo o proceso, non nos estraña para nada esta actitude”, sinala Paula Fernández, que logo de “oír como sinalaban na comisión que a posición do PP xa se verá no Pleno”, lamenta a falta de “criterio e rigor político do PP ante o documento máis importante par ao futuro do municipio”.

Na comisión déronse a coñecer os informes técnicos, que son favorables.No caso de  Secretaría, o informe (entregado onte xoves ás 14:55 horas) non contén ningunha valoración xurídica, se ben durante a comisión, a secretaria informou verbalmente de dúbidas ao respecto da tramitación. En concreto, as dúbidas manifestadas referíanse ao ámbito de suspensión das licenzas de obra, e os organismos sectoriais que terían que informar sobre o planeamento de Silleda, cuestións que foron aclaradas requerindo a presenza do técnico municipal que informou ao respecto tamén verbalmente.

“Lamentablemente, ningún membro do goberno tiñamos coñecemento destas dúbidas, que a habilitada plantexou na propia sesión, e que foron debidamente contestadas polo técnico municipal, nunha práctica que se está convertindo en habitual por parte desta funcionaria”, engade.

 

 

Silleda súmase á iniciativa para dotar de desfibriladores as instalacións deportivas

 

Silleda, 13 de decembro de 2012. O Concello de Silleda acordou sumarse á iniciativa da Deputación de Pontevedra para contar con desfibriladores semiautomáticos en instalacións deportivas. A Concellería de Deportes, que dirixe Klaus Brey, propón destinar este dispositivo, para poder dar resposta a posibiles continxencias como unha parada cardiorrespiratoria, no complexo deportivo situado na avenida do Recinto Feiral, onde se ubica o pavillón municipal César González Fares, o campo de fútbol de Outeiriño e as piscinas, e onde se concentra un gran número de persoas para a práctica de actividades deportivas.

“Consideramos que se trata dunha boa iniciativa e decidimos sumarnos porque se algún día ocorre algunha incidencia podería precisarse o uso dun desfibrilador”, declara o concelleiro.

Segundo se recolle na proposta enviada dende o organismo provincial, a Deputación financiaría o 50% do custe do desfibrilador semiautomático externo. O prezo, así como a correspondente formación do persoal non médico para instruilo no manexo do dispositivo, non superará os 1.300 euros.

Máis de 1.000 persoas

No Concello de Silleda, coa intención de promover hábitos saudables entre a poboación, puxeronse en marcha un ano máis as escolas deportivas municipais, cun total de 13 modalidades (aerobic, aquagym, ballet, baloncesto, tenis, pádel, equitación, fútbol, ximnasia terapéutica, natación, patinaxe, kun fu e pilates) que se desenvolven en distintos escenarios. En total, a día de hoxe máis, 1.057 persoas están anotadas nestas actividades deportivas, un dato que se destaca dende a Concellería de Deportes, á hora de xustificar a solicitude do dispositivo, que pode axudar a salvar vidas no caso de que se produza algunha incidencia.

Segundo a Consellería de Sanidade, cada ano aténdense a preto de 800 peroas por paradas cardiorrespiratorias, casos nos que a atención aos doentes nos primeiros minutos é crucial para a súa supervivencia.

“Agardamos que dende a Diputación acepten a nosa solicitude”, engade o concelleiro de Deportes, Klaus Brey.

O Concello de Silleda e a Casa do Patrón asinan un convenio para a promoción de Carboeiro e o museo lalinense

 

Silleda, 12 de decembro de 2012. O Concello de Silleda, a través da Concellaría de Cultura e Turismo, e  o Museo Etnográfico Casa do Patrón de Codeseda, en  Doade (Lalín) veñen de asinar un convenio de colaboración, co mosteiro de Carboeiro e o propio museo como protagonistas.

Este acordo ten por obxectivo a promoción e divulgación ,de xeito mutuo, do Mosteiro de Carboeiro, e a posta en valor do Museo Casa do Patrón.  A Concellaría de Cultura e Turismo do Concello de Silleda colaborará co Museo Etnográfico Casa do Patrón de Codeseda  posibilitando a súa publicidade e sinalización para dar  a coñecer as súas actividades. Como contrapartida, o centro lalinense pon a disposición do Concello a posibilidade de realizar exposicións temporais e intercambios cos fondos do propio Museo.

As dúas partes facilitarán, en virtude deste convenio, o intercambio de visitas a través dos seus respectivos guías turísticos, divulgando e recomendando mutuamente a visita á outra institución.

O concelleiro de Cultura e Turismo de Silleda, Matías Rodríguez da Torre, considera que este acordo pon en valor “conceptos básicos, como son a comarcalización do turismo, fomentando o intercambio de visitas e maiores estadías das persoas que se achegan a coñecer a comarca, e tamén a difusión de dous emblemas a nivel turístico”.

Pola súa banda, Manuel Blanco Villar, presidente do Museo Casa do Patrón lembrou que o centro lalinense conta cun gran número de fondos, con máis de 3.000 pezas representativas de máis de 80 oficios ou profesións artesanais de toda a Comunidade. Con este convenio, algunhas desas pezas formarán serán amosadas ao público na sala de exposicións do mosteiro trasdezao.

Silleda será o segundo Concello co que a entidade, que tamén edita libros e videos sobre temas culturais e organiza distintas actividades, asine un convenio de colaboración, logo de Lalín.

“En definitiva, con este convenio estamos aproveitando os dous recursos turísticos que máis fluxo teñen a día de hoxe na comarca”, sinalou Da Torre, lembrando ademais os milleiros de visitantes que se achegan cada ano ata Carboeiro.

Blanco Villar tamén manifestou durante a firma do convenio que agarda que con esta fórmula de colabroación establece “o eixe Carboeiro-Doade se convirta nunha ruta habitual da visitas”, e agradeceu a boa disposición amosada polo concelleiro Matías R. Da Torre.

 

 

 

 

A parroquia de Cira conta con máis de 270.000 metro adicados o cultivo de hortofloral, de froita e viño

 

Silleda, 8 de decembro de 2012. A Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural de Silleda, que dirixe Antonio Couso, está á espera da resolución da axuda para o proxecto de mellora e acondicionamento na zona de baño da parroquia de Cira. Esta iniciativa presentouse á convocatoria de subvencións para a concesión  de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000 e a súa convocatoria para os anos 2012, 2013 e 2014.

O obxectivo é a mellora da paisaxe e o mantemento das condicións ambientais, así como a recuperación de especies históricamente relacionadas coa actividade agraria en zonas da Rede Natura 2000. Con esta actuación tamén se busca a posta en valor de elementos históricos, patrimoniais ou culturais que sexan representativos da paisaxe agraria tradicional.

O proxecto realizado dende o Concello de Silleda, cun custe de 19.976 euros,  busca mellorar a paisaxe agraria e desenvolver usos recreativos en Cira, unha parroquia que suma 16 explotacións agrícolas cun total de 217.620 m2  de superficie adicada a terreos produtivos (ao aire libre e en invernadoiros) que poderían beneficiarse con esta proposta.

            Nesta zona que forma parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza contabilízanse un 60 invernadoiros localizados preferentemente no val de Cira, zona baixa situada a 80 metros sobre o nivel do mar, aínda que tamén existen no lugar do Curro, na zona alta da parroquia preto da igrexa de Santa Baia.

 

            Estas estruturas están destinadas fundamentalmente á produción de flor e de legumes, do tipo da xudía. A xudía, en concreto a plana, está considerada nos mercados de abastos de Santiago como de primeira calidade, con denominación de procedencia que a distingue das demais. O tomate, a leituga , acelgas, e as fresas son outros exemplos da variada e rica producción e comercialización dende esta localidade silledense.

Segundo os datos recabados para reforzar a solicitude da subvención, en Cira destaca tamén a produción de froita, grazas ao clima benigno, moi apto para cultivos hortofrutícolas. A mazá Golden de Cira, das explotacións do Pazo de Paizás e do Castelo  é coñecida en cidades coma Madrid. Nestes momentos  estas empresas asociadas en forma de cooperativa  destinan a esta produción máis  de 150.000 m2 de terreo.

No tocante aos cultivos de flor, en Cira son especialistas en flor cortada e destacan pola súa calidade o caravel e caravel pequeno, a xerbeira  e o lilium, aínda que tamén se cultivan outras variedades que ata non hai moito eran exclusivas de Holanda.

A parroquia está tamén incluida na Denominación de Orixe Rias Baixas . Dende o ano 2000 e gracias aos esforzos de Castro Brey nativo de Cira,  a zona de Cira, Gres, Ledesma pasou a incorporarse dentro da Denomiación de Orixe Rias Baixas, como integrante da subzona do Ulla. Como publicita unha coñecida marca de Alvariño da Comarca, trátase dun Val Térmico, situado na ribeira do rio Ulla con solos derivados de sustratos graníticos cun suave clima  atlántico cuxo resultado  é un viño único e inigualable. Neste momento Cira está protagonizando unha evolución cara a este tipo de economía potenciando a plantación de cepas desta variedade tan apreciada no mundo vitivinícola.

 

No censo elaborado para a realización do proxecto de dinamización de Cira, xa destaca a existencia de máis 5.000m2  de terreo adicado a estas viñas nos lugares de Rendo e O Candao.

 

Ademais dos distintos cultivos, a localidade silledense conta con coutos de esca de Salmón e elementos do patrimonio histórico-artístico  coma o castelo, fundado no S. XII por Bernardo Xoan de Deza e posteriormente feudo da Raiña Dona Urraca e o Conde de Altamira; o Pazo de Paizás, e casas solaregas.

A parroquia tamén conta cun establecemento de turismo rural (Casa Iglesias), situada no propio val , xusto no lugar de Rendo entre as flores, legumes e frutais,  dos campos veciños e a 500 metros da Xunta dos ríos Deza e Ulla. Conta cunha capacidade para 7 persoas e alúgase completa

 

Sinalización, área recreativa e centro de interpretación

As actuacións concretas que recolle o proxecto inclúen o acondicionamento e sinalización da zona de baño de Cira, coñecida como Xunta dos Ríos (por confluir aquí o Ulla e o Deza); a creación dunha área recreativa con equipamento axeitado; acondicionamento dun miradoiro na Xunta dos Rios; creación dun sendeiro pola contorna, co dedido acondicionamento e sinalización.; e a dotación dun centro de interpretación no centro social da parroquia.       

A zona onde promove a actuación a Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural atópase  na parte fonda e llana da parroquia de Cira, a tan só 67 metros sobre o nivel do mar, delimitada polos ríos Ulla e Deza. Ten unhas dimensións aproximadas de 1,10 km en sentido Norte e 1,3 km en sentido leste-oeste.  Figura recollida na Rede Natura 2000, como Lugar de Interese Comunitario (LIC) do Sistema  Fluvial Ulla-Deza.

O obxectivo da actuación promovida pola Concellería silledense pasa por potenciar aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e, por extensión ao desenvolvemento do territorio rural do municipio. Tamén se pretende preservar os ecosistemas de alto valor natural e protexer en cada zona o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Avema e a Concellería de Participación Cidadá organizan un curso sobre conservación de alimentos

 

Silleda, 5 de decembro de 2012. O Centro Cultural Vistalegre da Bandeira acolle os días 19, 20 e 21 deste mes un curso de conservación de alimentos, coa fabricación de doce de marmelo como protagonista. O ciclo está organizado pola Asociación de Veciños de Manduas (Avema) e o Concello de Silleda, a través da Concellaría de Cultura e Participación Cidadá. Para asistir é imprescindible anotarse e reservar praza. Ademais de conceptos teóricos tamén se incluirá experiencia práctica.  A primeira xornada, do día 19, será ás 20 horas, a segunda, o día 20 de decembro, ás 19.00 horas e xa o día 21 pola tarde visitarse a industria de conservación de alimentos Cooperativa Milhulloa, sita na localidade lucense de Palas de Reis.

Os interesados poden anotarse polas mañás na Casa da Cultura de Silleda (986 581028), ou polas tarde no Centro Cultural Vistalegre da Bandeira (986 585550).

O custe dependerá do número de inscricións (precísase un mínimo de 15 persoas), así será de 25 ou 30 euros, segundo se anoten máis ou menos persoas. Ademais do aproveitamento de produtos típicos da estación, o que se pretende con este ciclo é informar aos asistentes e á cidadanía das posibilidades de conservación dos alimentos naturais ecolóxicos que calquera ten na súa horta.

Os traballos do Obradoiro de Arte Terapéutica felicitan o Nadal aos membros do Clube de Maiores

 

 

 

O Obradoiro de Arte Terapéutica, unha das novidades incluídas no programa Silleda Activa, celebrará ao longo deste mes distintas sesións co Nadal como protagonista. Así, os alumnos e alumnas que acoden a esta novidosa proposta para os maiores realizaron xa as postais de Nadal coas que se felicitará nestes días aos socios e socias do Clube do Centro Social dos Maiores.

Con esta actividade, ademais de cumprir cos obxectivos específicos deste obradoiro (usando as artes manuais coma terapia tanto física como a nivel psicolóxico) tamén se busca dar a coñecer ao resto dos maiores que formar parte do Clube o traballo realizado, felicitándolles o Nadal cunha postal creada por eles e firmada pola alcaldesa, Paula Fernández.

Os obradoiros continúan todos os mércores de decembro no Centro Social, en horario de 17.00 a 20.00 horas. Mañá día 5 realizaranse anxos e outras figuras decorativas para estas dependencias municipais; o mércores día 12 parán figuras para o Belén e o Pai Nadal, ademais de montar unha árbore, e o día 19 crearán o Belén.

Máis de 300 socios e propostas novidosas

A día de hoxe o Clube dos Maiores de Silleda supera xa os 300 socios e socias, que disfrutan de descontos tanto en actividades municipais como en establecementos (ópticas, ortopedias, herbarios, clínicas dentais…). Para obter o carné, que se entrega de xeito gratuito aos maiores de 65 anos ou aos que aínda sen ter esta idade sexan pensionistas, os interesados poden achegarse ata o Centro Social de Silleda ou ben solicitalo vía telefónica para que llo envíen ao seu domicilio.

O programa Silleda Activa, a primeira actividade coa que se estrea o Clube Social dos Maiores, inclúe ademais deste obradoiro de arte terapéutica outras moitas actividades que están a ter gran éxito. Entre as máis novedosas destaca o obradoiro de alfabetización dixital, no que se ensina aos asistentes a usar e sacarlle partido ao teléfono móbil.

 

 

Comenzan as obras para dotar de traída de augas a varios lugares de Manduas

 

Silleda, 4 de decembro de 2012. Os operarios municipais veñen de comezar as obras para a dotación da traída de augas aos lugares de  Quintela, Andamollo e Vilaverde, na parroquia de Manduas. O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, visitou hoxe a zona de Andamollo, onde se iniciaron os traballos coa apertura de zanxas para proceder despois ás correspondentes canalizacións.

Esta actuación, promovida pola citada Concellería, realízase con personal e maquinaria do Concello, contando cunha subvención de 29.634,44 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental para a compra do material necesario.

“A dotación de servizos coma a traída de augas no rural era un dos compromisos desta concellería cos veciños e veciñas”, lembra o concelleiro.

Para contratar a adquisición de materiais necesarios para esta obra, realizouse un procedemento negociado, no que se convidou a seis empresas do municipio para que realizaran a súa oferta. Nunha xunta de goberno local extraordinaria resolveuse adxudicar a compra de material á empresa silledense Climadeza.

 

Unha dotación de servizos que se continuará

As obras da traída beneficiarán aos veciños e veciñas dos citados lugares de Manduas, unha das parroquias de maior densidade de poboación. “Esta actuación vén sumarse a outras comas as realizadas en Saídres, Taboada ou Cortegada, tamén para dotar de abastecemento de auga ás citadas localidades rurais, dándolles un servizo básico aos cidadáns”, engade Cuíña.

“Dende a Concellería de  Obras e Servizos seguiremos traballando nesta liña, e en canto rematemos esta obra continuaremos con outras actuacións para ampliar a rede de traídas, en lugares moi necesarios como Toxa ou a parroquia de Ponte”, avanza o concelleiro

Os traballos en Manduas remataranse ao longo deste mes de decembro. 

Ir á primeira páxina Ir á páxina anterior 

 Ir á páxina seguinte Ir á última páxina