Silleda, contra os desafiuzamentos

O Concello de Silleda puxo en marcha unha serie de medidas para axudar ás persoas que se enfrontan a unha orde de execución hipotecaria, unha situación que está a afectar a centos de familias cada día e que acaba en moitas ocasións con desafiuzamentos.

No mes de setembro de 2012 o Pleno do Concello aprobou, cos votos a favor dos dous grupos de goberno e a abstención do PP, unha moción presentada polo PSdG-PSOE para paliar este tipo de medidas. Ademais de instar a outras Administracións a tomar medidas urxentes, a moción aprobada tamén inclúe acordos a nivel municipal en tres direccións:

-PREVENCIÓN: Os servizos xurídicos do Concello están a disposición de todos os veciños e veciñas afectados/as polas execucións hipotecarias, asesorándolles e informándolles sobre os trámites que deben de realizar para evitar chegar ao desafiuzamento. Servicios socias traballará para pedir ao xulgado a paralización do desafiuzamento

-PRESIÓN: Dende o Concello farase unha interpelación ás entidades bancarias que teñan previsto iniciar execucións hipotecarias, retirándolle as contas do Concello se executan os desafiuzamentos, no caso de que non cedan nas súas pretensións. Ningún axente da Policía Local participará nas ordes de desaloxo.

-PROTECCIÓN: Dende os Servizos Sociais municipais artellaranse as medidas necesarias para axudar ás familias e veciños/as afectados por casos de desafiuzamento. O Concello, coa posta en marcha da rede de axuda Silleda Solidaria, contará tamén cun centro de acollida temporal para dar resposta ás necesidades de aloxamento dos/as afectados.

Consellos para as persoas que teñan problemas co pago da hipoteca da súa vivenda

-Cando unha persoa constitúe unha hipoteca, o pago das cuotas faise na mesma entidade bancaria coa que se constituíu. Aconséllase non ter créditos persoais, tarxetas, ou outros cargos coa mesma entidade, xa que ante calquera situación puntual, cobrarase a cantidade destes outros ingresos, xa que a hipoteca sería o crédito máis garantido para o banco, ao responder o usuario coa propia vivenda.

-Tamén é moi importante revisar e ter ao día as contas correntes e libretas de aforro con frecuencia, para así ter coñecemento de todas as xestións feitas pola entidade bancaria. Por iso é fundamental ter controlada a correspondencia que se envía con información bancaria.

- Se vostede se enfronta a esta situación ou ten dúbidas sobre como afrontala e precisa asesoramento ou axuda pode poñerse en contacto co Concello de Silleda, onde se informará e se lle axudará a formalizar as medidas oportunas. Cando reciba a primeira comunicación por parte da entidade bancaria, é o momento de acudir ao Concello .Para consultas a través desta páxina web, prema aquí

O Real Decreto aprobado en novembro sobre desafiuzamentos é a todas luces insuficiente para atallar o problema, que precisa dunha modificación legal profunda que teña ademais carácter retroactivo. No Pleno de Novembro de 2012 do Concello de Silleda aprobouse tamén outra moción presentada polo BNG para exixir a modificación inmediata da lei hipotecaria, na que o PP voltou a absterse.