Precísase con urxencia unha nevera

Dende o programa municipal Silleda Solidaria facemos un chamamento para equipar con unha nevera o domicilio dunha familia do noso municipio, que precisa con urxencia este electrodoméstico.

Moitas grazas por colaborar.

O Concello agradece ao colectivo solidario O Mencer as aportacións ao Banco de Alimentos

O Concello de Silleda, a través do departamento de Benestar Social, que dirixe Dolores García, quere amosar, unha vez máis,  o seu agradecemento á asociación solidaria Mencer de Lalín, que entregou hoxe varias caixas de hortalizas e fruta ao Banco de Alimentos silledense, dentro do programa Silleda Solidaria.

Estes alimentos repartiranse entre as familias con menos recursos do municipio, usuarias do Banco de Alimentos, dende onte continúa a recollida de produtos non perecedeiros nos supermercados de Silleda e A Bandeira.

“Temos que agradecer a colaboración deste colectivo de Lalín, que xa en varias ocasións está a colabroar con nós, ao igual que moitos veciños e veciñas, establecementos, asociacións, empresas  e colectivos que están a facer achegas ao programa”, engade Dolores García.

Nesta liña, dende o programa Silleda Solidaria tamén se aplaude a iniciativa da organización do Bandeirock que o pasado día 21 recolleu alimentos a favor de Silleda Solidaria no concerto celebrado na Bandeira.

 

Campaña continua nos supermercados

Do mesmo xeito, todas aquelas persoas que desexen colaborar co Banco de Alimentos poden facer as súas achegas de produtos non perecedeiros nos supermercados de Silleda e da Bandeira, onde se vén realizando unha campaña de recollida continuada. “Tamén hai que agradecer aos establecementos e a todas aquelas persoas que fan as súas aportacións as súas achegas”, engade Dolores García.

 

Bandeirock: concerto solidario o xoves 21 na Bandeira

O programa Silleda Solidaria quere agradecer á organización do festival Bandeirock, que se celebra o vindeiro xoves día 21 na Bandeira a iniciativa solidaria para recoller alimentos, que xa se realizou con éxito o ano pasado. Os asistentes entregarán produtos non perecedeiros para o noso Banco de Alimentos, que despois se repartirán entre as familias con menos recursos. A cita será ás 22.00 horas na praza Camilo José Cela coas actuacións de Barrio Rojo, Pujolandia, Kona ke te fixo e Fifty Fifty Blues Band. Moitas grazas a tod@s de antemán.

Precísase con urxencia unha lavadora

Dende o programa Silleda Solidaria apélase á colaboración cidadá para conseguir unha lavadora que precisa unha familia usuaria dos Servizos Sociais. 

Quedada Solidaria BTT Trasdeza

Grazas a BTT Trasdeza por organizar esta ruta solidaria!!!

O vindeiro domingo 27 de abril  celebrase a Quedada Solidaria en BTT organizada por BTT Trasdeza. Os participantes deben de acudir cun kilo de alimentos non perecedeiros que serán entregados ao Banco de Alimentos do programa municipal Silleda Solidaria. 

A ruta terá 40 kilómetros e unha dificultade media alta. Os dorsais entregaranse a partir das 08.15 horas no pavillón municipal César G. Fares de Silleda e a saía será ás 08.30 dende a praza da Igrexa de Silleda. 

As inscripcións poden realizarse na web www.silicondt.com. Máis información no teléfono 660 550891.

Ao remate celebrase un xantar no restaurante Pino, en Chapa. Os que queira participar deben abonar 15 euros cando retiren o seu dorsal.

Precísase mobiliario para equipar o Centro de Acollida Temporal de Taboada

O Centro de Transición de Acollida da vida autónoma situado no edificio central da estación ferroviaria de Ponte Taboada está xa acondicionado. Os operarios municipais remataron en días pasados os traballos de mellora da vivenda. Dende o programa Silleda Solidaria activamos este  chamamento para proceder agora á dotación de mobiliario. Precísanse camas, mobiliario para dormitorios, sillas, cociña de gas, electrodomésticos... As persoas, entidades ou colectivos  que dispoñan destes enseres e mobiliarios (sempre en bo estado de conservación) e queira facer a súa aportación á rede Silleda Solidaria para equipar o centro, deben de poñerse en contacto cos Servizos Sociais (986 592037) indicando o seu nome, dirección e a aportación que fan. O programa Silleda Solidaria encargarase da recollida e traslado á vivenda de Taboada.

O rouperio de Silleda Solidaria recibe unha doazón da asociación Coto do Castelo de Graba

O programa municipal Silleda Solidaria quere agradecer á asociación cultural Coto do Castelo de Graba a doazón de roupa que vén de facera o programa municipal Silleda Solidaria. A roupa foi recollida durante a campaña de Nadal posta en marcha por esta asociación, a que dende o Concello se quere agradecer públicamente a súa colaboración. “É unha doazón importante que contribuirá a mellorar a calidade de vida de familias con poucos recursos”, sinala a concelleira de Benestar Social, Dolores García. Dende o programa municipal agradécese, unha vez máis estes xestos de xenerosidade que seguen a dar conta do espírito solidario da sociedade silledense “algo do que todos e todas nos sentimos moi orgullosos”, engade a concelleira.

 

O Nadal Solidario recaudou un total de 632,19 euros

O programa do Nadal Solidario de Silleda rematou o pasado día 4 cun balance moi satisfactorio. A iniciativa, posta en marcha polo programa municipal Silleda Solidaria comezou o pasado día 30 de novembro, co concertó de Santa Icía na Bandeira e rematou o sábado 4 de xaneiro, cun total de seis actividades.

En total recadáronse 632,19 euros. A cita na que se acadou unha maior doazón foi a última, no concerto de Ano Novo , celebrado o pasado día 4 de xaneiro na Bandeira. A recadación, que será entregada á ONG Unicef e que irá destinada ás persoas damnificadas polo tifón de Filipinas foi de 361,79 euros.

A cantidade restante, un total de 270,40 euros, empregouse dende o programa municipal Silleda Solidaria no abono (previa factura) de alimentos, produtos de hixiene, xoguetes e outros produtos básicos que precisan as familias con menos recursos do municipio, xestionándose esta compra dende os Servizos Sociais, que coordinan o programa.

No concerto de Santa Icía da Bandeira recadáronse 129,55 euros; no concerto de Nadal da Coral Polifónica Trasdeza 38,10 euros; no triangular de fútbol biberón 60,40 euros (ademais de recollerse unha grande cantidade de xoguetes e alimentos); no Concerto de Nadal da Banda Municipal de Silleda 17,90 euros e na audición da Escola de Música de Silleda 24,45 euros.

O alcalde, Manuel Cuíña, amosa o seu agradecemento a todas as persoas que colaboraron realizando aportacións nas últimas semanas. “Pese a que estamos en época de crise, os veciños e veciñas de Silleda siguen amosando a súa xenerosidade para axudar ás familias que están a pasar por momentos difíciles”, engade.

Grazas a esta iniciativa, dende os Servizos Sociais tratouse de facilitar ás familias usuarias recursos para facer máis levadeiras as datas do Nadal.

O programa Silleda Solidaria púxose en marcha no outono de 2012, como unha rede de axuda que ten por principar obxectivo axudar ás familias con poucos recursos, funcionando ademais de xeito bilateral, coa colaboración de asociacións e colectivos, e sempre baixo a supervisión dos servizos sociais.

Así, ademais  de solicitar a colaboración do tecido asociativo na procura de recursos, tamén se busca detectar novos casos de xente que precise axuda e xestionar outros que procedan tanto de colectivos como de particulares ou empresas. Na web municipal e tamén a través de mensaxes a móbiles vanse canalizando os avisos sobre recursos dos que se dispón e outros que se precisan, no banner específico de Silleda Solidaria.

O Banco de Alimentos, o roupeiro municipal, libros de texto e material escolar, mobles e outros enseres ou o centro de acollida temporal que se habilitará na estación ferroviaria de Ponte Taboada, son algunhas das liñas de actuación do programa municipal.

Do mesmo xeito, dende Silleda Solidaria quere agradecerse a colaboración dos supermercados de Silleda e da Bandeira e dos seus clientes que colaboran durante todo o ano coa iniciativa.

 
 
 

 

Recadados 129,55 euros na primeira cita do Nadal Solidario

O programa Silleda Solidaria vén de recibir un total de 129,55 euros, recadados coas aportacións voluntarias dos asistentes ao concerto de Santa Icía celebrado o pasado sábado día 30 no auditorio da  Bandeira. Foi alí onde comezou a iniciativa do Nadal Solidario, con eventos nos que se recollerán fondos e tamén produtos alimentarios e xoguetes para o programa municipal Silleda Solidaria. Na primeira cita recadáronse un total de 129, 55 euros, que se destinarán á compra de alimentos e xoguetes.

O programa municipal de Nadal, que comeza mañá venres, contempla distintas actividades nas que se poderá colaborar con esta iniciativa. Trátase do Festival Extraordinario de Nadal da Coral Polifónica Trasdeza (o día 14 de decembro); e dúas citas que terán lugar o 21 de decembro: o torneo de fútbol “Biberón”, no pavillón municipal César González Fares (18.00 horas) e o Concerto de Nadal da Banda de Música de Silleda (21.00 horas no auditorio Semana Verde). Ademais, o día 4 de xaneiro o Festival de Aninovo da Bandeira celebrarase baixo o lema “Tod@s con Filipinas”. En colaboración con Unicef recolleránse fondos para destinar aos milleiros de persoas damnificadas polo paso do tifón Yolanda.

Dende o Concello editáronse folletos para divulgar os obxectivos e líñas de actuación do programa, coordinado dende os Servizos Sociais, que serán distribuidos nos eventos citados anteriormente, explicando, en cada caso, a que se destinan o fondos de cada evento.

“Queremos agradecer a todas as persoas e entidades que colaboraron e seguen a colaborar co programa a súa aportación. Sabemos que estamos en momentos difíciles para todos, por iso calquera axuda, por pequena que sea, conta moito”, sinala a concelleira de Benestar Social, Dolores García.

Así mesmo tamén agradece a colaboración de todos os veciños e veciñas que están a colaborar coas campañas de alimentos e a de Un neno/a, un xoguete, facendo aportacións directas nos supermercados e centros municipais.

“As familias con menos recursos do noso municipio poderán pasar un Nadal máis levadeiro grazas ao xesto solidario de moita xente”, engade.

Mañá, inicio do programa

Por outra banda mañá venres día 6 comeza o programa de Nadal, cos máis pequenos como protagonistas. Así, ás 12.30 horas terá lugar a cita con Caramuxo Teatro, para nenos e nenas de 0 a 5 anos. Esta sesión, na Casa da Xuventude, está incluida tamén no programa Axóuxeres, para fomentar o uso do galego entre a poboación máis nova. E pola tarde, tamén na Casa da Xuventude, dará comezo o programa de obradoiros para os nenos e nenas. Comezará ás 17.00 horas cun adicado á decoración de Nadal. Xa na xornada do sábado, os participantes nestes obradoiros comezarán xa a decorar a Casa da Xuventude. O domingo arranca o concurso de escaparates e celebrase tamén o día da patrona de Silleda, con actos organizados dende a Asociación Olaia.

Música, contacontos, deportes, actividades de animación á lectura, teatro….   figuran nun variado programa cun total de 45 actividades para todos os públicos que continuará ata o día 5 de xaneiro.

Silleda Solidaria inicia a campaña de recollida de xoguetes

O programa Silleda Solidaria vén de poñer en marcha, un ano máis, a campaña de recollida de xogos e xoguetes de cara a vindeira campaña de Nadal, baixo o lema Un neno/a un xoguete. Todas aquelas persoas ou colectivos que queiran colaborar poden dirixirse ás dependencias de Servizos Sociais, dende onde se coordina o programa para realizar a entrega. Os xoguetes e xogos deberán de estar en bo estado de conservación. A campaña seguirá aberta ata o día 27 de decembro.

Todos os obxectos serán repartidos nas datas do Nadal entre os nenos e nenas das familias con menos recursos do municipio.

Así mesmo, nos supermercados de Silleda e da Bandeira tamén se mantén aberta a recollida para o Banco de Alimentos. “Dende o programa Silleda Solidaria, a través do cal se coordinarán agora todas estas accións queremos apelar á colaboración cidadá e tamén agradecer o xesto a todas aquelas persoas e asociacións que xa fixeron as súas aportacións”, sinala a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Dolores García.

O Concello de Silleda estrea o programa Silleda Solidaria

O Concello de Silleda aposta pola creación dunha rede de axuda, contando coas asociacións do municipio e coas empresas que queiran colaborar, para axudas ás familias sen recursos, que están aumentando por mor da crise. Está baseado nos principios de cooperación, intercambio e solidariedade.