Aberto o prazo para as axudas ao transporte universitario, que poderán solicitarse ata o 25 de setembro

A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de aprobar a proposta da concelleira de Educación, Pili Peón, das bases que regulan a concesión de becas para o transporte, destinados a universitarios/as e estudantes de ciclos formativos  que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autónoma.

O importe máximo da subvención por beneficiario/a será de 450 euros, para todo o curso 2018/2019.  Poderán optar a estas axudas persoas residentes e empadroadas no municipio de Silleda (alomenos un ano antes da publicación das bases), e que cursen os referidos estudos universitarios e ciclos formativos. Así mesmo, a renda per cápita familiar debe de ser igual ou inferior a 10.000 euros.

Ao igual que aconteceu xa o pasado ano, as axudas serán con ingreso directo na conta bancaria dos beneficiarios. As solicitudes poderán presentarse nun prazo de 15 días hábiles a contar dende a publicación das bases na web municipal (para consultar tanto as bases coma os formularios, premer no titular desta nova). Dado que a publicación terá lugar o vindeiro luns día 3,   o prazo remata o vindeiro martes 25  de setembro.

As solicitudes deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres, cumprimentando o formulario anexo as bases e achegando outra documentación. Así, os solicitantes deben presentar fotocopia do seu DNI, da matrícula do curso escolar en curso, copia da renda familiar do exercicio 2017, ou no seu caso certificado da Axencia Tributaria de non telo e certificación bancaria da conta a nome do beneficiario da axuda ou no seu caso do titor/a legal do mesmo.

Estas axudas chegan con cargo ao orzamento municipal de 2018, no que se reservou unha partida de 20.000 euros para estas axudas. “Nos últimos anos tratamos de implementar esta partida  para dar resposta a demanda deste tipo de axudas”, explica a concelleira.

Axudas para material escolar

Por outra banda, na mesma sesión o goberno local aprobou tamén as bases que rexerán as axudas complementarias para que as familias con poucos recursos poidan completar os gastos destinados a mercar libros e material escolar, que non lle cubre o vale concedido pola Xunta de Galicia. 

As condicións e requisitos desta convocatoria tamén poden  consultarse na web municipal, coa normativa que rexerá as axudas, como os formularios que deben de cubrir as persoas interesadas que cumpran os requisitos establecidos.

 Serán beneficiarias aquelas familias que precisan de protección especial ou con todos os seus membros en situación de desemprego, con alumnos/as que cursen estudos de Primaria ou ESO.

As solicitudes poden recollerse tamén no departamento de Benestar Social, no Rexistro (ou descargarse tamén da web), e unha vez cubertas deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres, tamén ata o vindeiro 25 de setembro.

As persoas beneficiarias das axudas recibirán un vale coa achega necesaria que lles entregarán en Benestar Social, para canxear nas librerías do municipio de Silleda que vendan material escolar.