O Centro de Desenvolvemento Agrario e Fademur poñen en marcha un programa de inserción laboral e emprendemento para mulleres

Silleda, 6 de xaneiro de 2018.  O Centro de Desenvolvemento  Agrario, a través da  Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, FADEMUR Galicia, pon en marcha o programa “REDMUR: REDE DE EMPRENDEMENTO E INSERCION SOCIOLABORAL PARA A DIVERSIFICACIÓN DE ACTIVIDADES SOSTIBLES NO MEDIO RURAL” , unha iniciativa  que tamén se está a levar a cabo noutras comunidades como Estremadura, Castela e León, Castela A Mancha e Madrid.

O desenvolvemento do programa parte da colaboración entre o a Concello de Silleda, a través do Centro de Desenvolvemento Agrario e a  Concellaría de Benestar Social, Igualdade, Educación e Sanidade e Fademur Galicia. O concello comprometeuse a colaborar activamente na selección das usuarias, informando a través das usuarias da bolsa de emprego municipal e sumando esta actividade ao proxecto de Centro Agrario que están a desenvolver, e proporcionando as instalacións municipais precisas para o realizar a formación das interesadas no programa.

Para levar a cabo o programa farase unha selección de un mínimo de 12 mulleres desempregadas ou inactivas do concello coas que se traballará  no deseño de itinerarios de inserción profesional, tamén na motivación na procura de emprego e na detección de ocos de emprego na zona, de cara a mellorar as posibilidades de emprego das participantes.

Para participar en dito programa as interesadas poderán apuntarse por teléfono en FADEMUR Galicia 881817256 ou a través do Concello de Silleda no 986580000 antes do 15 de xaneiro. Tamén o poderán solicitar por correo electrónico ao enderezo galicia@fademur.e ou a través de info@silleda.gal.

Outro dos obxectivos do programa é a participación de mulleres emprendedoras e empresarias en redes de comercialización de produtos a través de mostras, encontros ou feiras de emprendemento, a celebrar conxuntamente con outros actores do territorio e as participantes do proxectos de cara a promover alianzas e sinerxías, a revalorizar os produtos agroalimentarios, artesáns e os servizos locais de calidade mediante a orientación para a sustentabilidade.

A través de todos estes apartados, FADEMUR Galicia traballa coas mulleres e as administracións públicas en aspectos tan diversos como a loita contra a violencia de xénero, mediante a independencia económica das mulleres, ou a fixación da poboación no ámbito rural a través do apoio á economía local.

O programa pon en marcha accións formativas presenciais e en liña, as usuarias recibirán en todo caso formación adicional sobre novas tecnoloxías así como detección de ocos de emprego.

 

A plataforma de formación en liña estará aberta para que outras mulleres do ámbito rural, e que residan fora de Silleda tamén poidan acceder aos cursos.

 

O programa REDMUR conta co financiamento do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.