A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística organiza unha variada programación durante maio para celebrar o Día das Letras

 

Silleda, 30 de abril de 2013. A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, deseñou para o mes de maio unha variada programación para celebrar o Día das Letras Galegas.

Así, ademáis de actividades xa anunciadas coma os concursos de Microcurtas e Microrrelatos (aos que se poden presentar traballos ata o vindeiro día 16) ou a grande cita do Correlingua, que volta o mércores 8 de maio, o programa contará con iniciativas novidosas coma unha actividade relacionada co voluntariado. Así, o xoves día 9 de maio, a partir das 17.00 horas terá lugar na praza da Feira Vella un obradoiro de xoguetes realizados con goma eva, e que será impartido por un grupo de voluntarios do colectivo Jóvenes de Meridianos (de Almería), que están a realizar o Camiño de Santiago. Este colectivo traballa no desenvolvemento de programas tanto preventivos como de intervención coa mocidade.

Tamén na segunda semana de maio se celebrará na Bandeira a Romaría das Letras Galegas do CEIP da Bandeira (o día 10), e o Festival de Xirandola, o día 11 no auditorio Manuel Dopazo, dúas actividades coas que tamén colabora o Concello de Silleda.  O Correlingua, o día 8 de maio reunirá a uns 1.500 alumnos e alumnas da comarca na praza da Feira Vella, onde non faltarán actuacións coma as de Peter Punk ou A Balbina.

O domingo día 12, tamén terá lugar o Festival de Bandas Xuvenís de Silleda, un dos actos enmarcados no 125 aniversario da Municipal e que reunirá no auditorio da Semana Verde (a partir das 17.00 horas), a Banda Xuvenil de Santa Cruz de Rivadulla; Banda Xuvenil de Catoira, Banda Xuvenil de Silleda e Banda Infantil de Silleda.

O martes día 14 tamén terá lugar na biblioteca municipal Daniel Castelao a actividade As seis caras das letras, unha iniciativa do programa Ler conta moito. E os días 15 e 16 proxectarase na Bandeira e en Silleda o traballo audivisual Tradicioneando, historias de onte e hoxe.

Así mesmo, o domingo 26 terá lugar unha nova edición da Ruada nas fontes e lavadoiros da parroquia de Parada, outra actividade na que colabora a Concellería.

Ademais, a finais deste mes de maio tamén terá lugar a entrega dos premios dos certames de Microcurtas e Microrrelatos e a resolución da convocatoria entre os artistas e artesáns para elixir o motivo institucional do Concello de Silleda.

Consello Cultural o venres día 10

Por outra banda, tamén o venres día 10 se celebrará na Casa da Cultura ás 20.30 horas a reunión do Consello Cultural, constituído o pasado ano ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá, e á que se convocará as asociacións e colectivos culturais do municipio.

“É unha programación moi variada, para todos os sectores de público e na que contamos tamén co esforzó e o bo facer dos colectivos silledenses”, sinala Margarita Campos.

 

 

 

 

A Concellería de Deportes acóllese á convocatoria da Deputación para mellorar o mobiliario nos vestiarios de Outeiriño

 

Silleda, 30 de abril de 2013. A Concellería de Deportes que dirixe Klaus Brey vén de acollerse ao programa da Deputación de Pontevedra para mellorar o mobiliario dos vestiarios nos campos de fútbol de herba sintética.

O municipio conta só cun campo de estas características, o de Outeiriño, en Silleda, unha instalación que podería mellorarse con esta iniciativa. Para levar a cabo a reposición de mobiliario o organismo provincial puxo en marcha un módulo de fabricación de mobles a través dos obradoiros de formación de carpinteiría que se atopan na Cidade Infantil Príncipe Felipe. Con esta medida poderíanse conseguir bancos e tamén estanterías-colgadores para os vestiarios do campo de fútbol de Silleda, “que se vén utilizando por un gran número de deportistas”, engade KIaus Brey.

Ademais, e dado o volumen de xogadores/usuarios do campo de herba sintética prácticamente todos os vestiarios do complexo deportivo están ocupados todo o ano. Ademais dos equipos da Escola de Fútbol Silleda, a S.D Silleda, e dous equipos de veteranos o campo tamén vén sendo utilizado por outros clubes do municipio. A día de hoxe estímase que preto de 230 personas utilizan este estadio, cunha grande actividade en canto a entrenamentos, e encontros.

Dende a Concellería de Deportes Klaus Brey agarda que a solicitude de Silleda sexa aceptada “ e que poidamos así mellorar a dotación deste campo”, sinala.

 

 

 

Silleda acolle o vindeiro mércores día 8 de maio a gran cita co Correlingua

 

Silleda, 27 de abril de 2013. Silleda acollerá, por segundo ano consecutivo, unha nova edición da cita protagonista do Correlinga. Preto de 1.500 alumnos e alumnas dos centros de Primaria e Secundaria das comarcas de Deza e Tabeirós participarán nesta iniciativa, que vai xa pola súa sexta edición.

A cita comezará ás 11.00 horas na praza da Feira Vella, coa saída desta carreira non competitiva en prol da lingua. O actor Pepe Penabade será o encargado de presentar esta cita lúdico-educativa, que rematará na mesma praza cun fin de festa que terá como protagonistas as actuacións de Peter Punk e da Balbina. Tamén se procederá á lectura do manifesto a favor do galego.

Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino e A Mesa pola normalización Lingüística, en colaboración cos Concellos das principais cidades galegas. Trátase dunha proposta carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma.

Ademais do Correlingua, na víspera da celebración do Día das Letras, tamén se organizan concursos entre a comunidade escolar que permiten a reflexión sobre o idioma e serven como actividades preparatorias para a participación na recta final do Correlingua.

Esta será unha das actividades centrais da programación da Semana das Letras que está a preparar o departamento municipal de Normalización Lingüística, que dirixe a concelleira Margarita Campos e que se dará a coñecer nos vindeiros días. 

A Concellería de Cultura e a de Benestar promoven a iniciativa

 

Silleda, 25 de abril de 2013. As Concellerías de Cultura e de Benestar Social impulsan de forma conxunta unha iniciativa enmarcada no ámbito da interxeneracionalidade. Trátase da edición dun traballo audiovisual que recollerá as impresores dos maiores e dos nenos e nenas de Silleda sobre as tradicións máis arraigadas no noso municipio, coma o entroido, romerías, e outros ámbitos coma o tempo da escola e diversas cuestións relacionadas cos cambios sociais e culturais dos últimos anos.

Baixo o título Tradicioneando, historias de onte e hoxe, a vindeira semana, na que se celebra –concretamente o luns 29- o Día Europeo da Interxeneracionalidade, comezará a gravación cos socios do Clube do Centro Social dos Maiores e tamén cos nenos e nenas do municipio que queiran participar.

Os cativos que desexen formar parte da iniciativa poderán achegarse o día  2 de maio,  á Casa da Xuventude Silleda, ou o día 3 de maio ao auditorio Manuel Dopazo da Bandeira a partires das 16.30 horas.

Así, mesmo, dentro da programación da Semana das Letras Galegas, que xa se está a pechar estes días, terá lugar a estrea desta iniciativa. O vídeo de Tradicioneando poderá verse o mércores día 15 no Centro Social dos Maiores da Bandeira, ás 19.00 horas e o xoves 16, na Casa da Xuventude de Silleda, ás 18.00 horas.

 

Máis de 700 vehículos agrícolas pasaron este ano a ITV no municipio de Silleda

 

O servizo de ITV móbil para vehículos agrícolas volveu a ter un existoso balance en Silleda. En total fixeron este trámite máis de 700 vehículos pertencentes a gandeiros e agricultores do municipio. Esta cifra supón un incremento do 7,5% respecto ao ano 2012. En total, a unidade móbil estivo 10 días no municipio, durante o pasado mes de marzo, repartindo o servizo en 4 localidades (Silleda, Laro, A Bandeira e Escuadro). Á vista da demanda amosada polos gandeiros, este ano dende o departamento de Medio Rural, que dirixe Antonio Couso, solicitouse unha ampliación do servizo, con máis xornadas e máis horas de atención.

“Pese á crise e ao peche de explotacións, os gandeiros e agricultores de Silleda amosan con estes datos o seu sentido da responsabilidade, algo que é de agradecer”, sinala o concelleiro Antonio Couso, que lembra que Silleda é un dos municipios galegos cun dos maiores parques móbiles de maquinaria agrícola. Cabe destacar que non se rexistrou ningunha incidencia nas xornadas de inspección.

Por outra banda, os gandeiros da zona da Bandeira apuntaron a posibilidade de trasladar o servizo a unha zona cuberta en caso de choiva.  Unha das posibilidades que se barallan para outros anos é o campo da festa da parroquia de Lamela.

 

  

A Concellería de Obras e Servizos realiza a acometida de electricidade no albergue de peregrinos da Bandeira

 

 

Silleda, 24 de abril de 2013. A Concellería de Obras e Servizos, que dirixe Manuel Cuíña, está a realizar as obras de acometida de electricidade no albergue de peregrinos da Bandeira. Operarios do departamento comezaron hoxe os traballos e continuarán nos vindeiros días para dotar de luz ao edificio modular, que está xa moi avanzado.

“O albergue está prácticamente rematado”, sinala Manuel Cuíña, que hoxe visitou o lugar onde os operarios municipais están realizando este traballo. Xa antes da instalación dos 13 módulos que compoñen o edificio, a Concellería realizou a acometida de agua e saneamentos, servizos básicos que lle correspondía dotar ao Concello para esta obra para a que se firmou un convenio co Xacobeo.

A dotación foi adxudicada pola Secretaría Xeral de Turismo á empresa Aopil, por importe de 216.016 euros. A parcela da propiedade dunha  familia da Bandeira, á que dende o Concello se lle agradece a cesión realizada mediante convenio, terá o acceso principal dende a rúa Lourás.

 O edificio  está feito con prefabricados de alta calidade, con climatización, un patio interior cuberto, e instalacións de enerxías renovables, en pranta baixa. A capacidade, como xa se anunciou no seu día, é de 36 prazas. O espazo distribuese en dormitorios, dormitorios para persoas con discapacidade, aseos, duchas e cociña-comedor. Así mesmo, as zonas disponibles entre os módulos servirán como áreas de descanso e zona de lavado e secado.

O exterior do edificio xa está revestido con paneis de resinas termoendurecibles  mentras que os espazos xenerados entre os módulos realizaranse a base de pranchas de polietileno reticulado. O convenio entre o Concello de Silleda e o Xacobeo establece que a cesión do terreo se realizará por un prazo de 15 anos, coa posibilidade de revisar o acordo no primeiro lustro.

 

 

 

A Ruta de Clásicos Populares do Baixo Miño recala a vindeira fin de semana en Silleda

 

Silleda, 24 de abril de 2013. A ruta do clube de vehículos antigos Clásicos Populares Baixo Miño, realizará a vindeira fin de semana a cuarta edición da súa saída cultural, que nesta ocasión discorrerá por terras do Deza e Lemos. Así, na xornada do sábado día 27 logo de partir de Vilaboa (Pontevedra) e pasar pola fervenza de Barosa (Barro) e o pazo de Oca, a ruta chegará ata o municipio de Silleda. A comitiva, formada por preto de 30 vehículos antigos, pasará pola Bandeira en dirección ás Fervenzas do Toxa, un dos paraxes que visitarán os participantes nesta ruta.

O percorrido continuará ata Silleda, onde os vehículos estarán expostos na rúa Santa Eulalia. Está previsto que cheguen á localidade sobre as 17.00 horas. Alí os participantes será recibidos polo concelleiro de Turismo, Klaus Brey, e pola alcaldesa, Paula Fernández Pena. Por este motivo, a circulación quedará pechada neste tramo o sábado pola tarde. Tamén está previsto que os condutores degusten un dos embaixadores de Silleda, o lacón, que servirá a Asociación Cultural do municipio que leva o nome deste plato,  antes de partir cara a Monforte.

“Trátase dunha boa oportunidade para dar a coñecer Silleda aos membros deste clube, que veñen realizando distintos itinerarios de corte turístico e cultural”, sinala o concelleiro de Turismo Klaus Brey.

As obras de mellora do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira comezan esta semana

 

Silleda, 23 de abril de 2013. A empresa Construcciones Areán ten previsto iniciar esta semana as obras de mellora do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, que lle foron adxudicadas a finais do pasado mes de marzo. Así llo comunicaron os responsables da empresa ao goberno municipal, durante a firma do contrato de obra, que tivo lugar onte luns.

O proxecto busca a mellora da dotación do Centro Cultural Vista Alegre, todo un referente na comarca dezana no tocante á dinamización social e cultural. Con esta nova e agardada actuación poderase completar a dotación deste centro. Nas novas dependencias, na planta baixa, plantéxase un novo acceso. Dende o vestíbulo poderá accederse á aula, aseos, sala de exposicións, escenario e tamén ao antigo edificio. Na primeira planta o proxecto plantexa a dotación dunha aula multimedia e biblioteca.

Na parte exterior actuarase con gran sinxeleza, coa dotación dunha estreita franxa de céspede que remata nun zócalo de granito da sala de exposicións. También se prevé acceso axardiñado cara ao acceso principal.

Na oferta de Areán figuran 4 anos máis de garantía sobre o previsto nos pregos de contratación,  a rebaixa no tempo previsto para a execución dos traballos (de 4 a 2 meses),  así como todas as melloras propostas no proxecto: impermeabilización do soto, pintado especial anti humidade da fachada, dotación de estanterías de pladur na zona de biblioteca e instalación de lamas de madeira na parte esquerda da fachada (en principio só prevían no lado dereito).

Esta actuación, cunha inversión de 146.500 euros, financiarase coa subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, ás que o Concello de Silleda concorreu co proxecto de mellora do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, e con fondos municipais. Así, o Concello aportará 47.070 euros a esta obra

Dende o goberno municipal consideráse que esta actuación permitirá materializar un proxecto moi necesario e que contribuirá a consolidar, aínda máis, o papel dinamizador do Centro Vista Alegre, mellorando os seus servizos e ofertas aos veciños da Bandeira e a súa contorna. “Trátase dunha das maiores inversións deste ano no municipio silledense”, sinala o concelleiro de Obras, Manuel Cuíña. 

Nova campaña de recollida de alimentos a través de Silleda Solidaria

 

O Concello de Silleda, a través do programa Silleda Solidaria, acaba de iniciar unha nova campaña de recollida nos supermercados para surtir o banco de alimentos. Esta campaña levarase a cabo nos establecementos da Bandeira e de Silleda, onde xa se instalaron caixas para que os usuarios poidan depositar alimentos non perecedeiros. A campaña estará aberta ata mediados do vindeiro mes de maio.

Dende o programa Silleda Solidaria agradécese a colaboración de todos os veciños e veciñas que coas súas doazóns contribúen a aumentar as provisións do banco de alimentos, para o seu reparto entre as familias do municipio con menos recursos. Do mesmo xeito, tamén se agradece a colaboración e participación nesta campaña dos colectivos e asociación integrados no programa municipal Silleda Solidaria, que actúan como canalizadores dos avisos emitidos e tamén como detectores de posibles casos de axuda. 

Silleda celebra o Día do Libro o mércores 24 na biblioteca Daniel Castelao cunha actividade do programa Ler conta moito

 

A Concellería de Cultura, que dirixe Margarita Campos,  programou para vindeiro mércores día 24 unha actividade con motivo da celebración do Día do Libro. Trátase da sesión Contos para todos, enmarcada no programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia. Esta actividade levarase a cabo na biblioteca municipal Daniel Castelao, ás 11.00 horas. Na sesión estarán presentes alumnos e alumnas de Primeiro do CEIP de Silleda e os alumnos e alumnas de Segundo do Colexio María Inmaculada.

Ler conta moito, é un programa de dinamización da lectura promovido pola Consellería de Cultura en colaboración cos Concellos, para contribuir á promoción da lectura como vehículo de enriquecemento e aproveitamento persoal. 

Ir á primeira páxina Ir á páxina anterior 

 Ir á páxina seguinte Ir á última páxina