Bases do XVIII Concurso de Escaparates Nadal en Galego 2017-2018

XVIII  CONCURSO DE ESCAPARATES

“NADAL GALEGO 2017-18"

 

BASES

OBXECTIVOS

 

Estimular nos comerciantes e empresas do municipio o movemento dos escaparates, de

maneira que se dispoñan artisticamente e con sentido publicitario e comercial os produtos

que se mostran.

Crear un ambiente máis festivo e que motive aos veciños de Silleda e visitantes a ver e mercar

nos comercios locais.

 

PARTICIPANTES E INSCRICIÓNS

 

Poderán participar tódolos comerciantes e empresarios do Concello que posúan escaparates

de exterior preparados de acordo cas condicións xerais que regulan o concurso.

Non se esixirá inscrición previa mais, unha Comisión de Admisión determinará que

establecementos entrarán a formar parte do grupo de seleccionados para o concurso final.

 

ÁMBITO

 

O ámbito será municipal. Calquera establecemento comercial, se cumpre as condicións

mínimas requiridas poderá ser considerado concursante.

 

PREMIOS

 

1º.- PREMIO CONCELLO DE SILLEDA: 200,00 € e Diploma, outorgado polo Concello

de Silleda.

 

2º.- PREMIO AO MÁIS ORIXINAL E INNOVADOR: 150,00 € e Diploma, outorgado polo HOTEL VIA ARGENTUM.

 

3º.- PREMIO AO MÁIS COMERCIAL CON EXPOSICIÓN DO PRODUTO : 100,00 €

 e Diploma, outorgado pola  ESTACIÓN DE SERVICIO SILLEDA

 

DESENVOLVEMENTO

 

1.-Para determinar quen participa, a organización anotará aqueles que a partir do 6 de

Decembro de 2017  teñan os seus escaparates elaborados conforme ós requisitos e merezan  ao seu criterio a participación.

2.-En datas posteriores, sempre dentro do tempo esixido de exposición, o Xurado sen previo

aviso realizará a súa avaliación, observando un a un cada escaparate dos previamente

seleccionados pola Comisión de Admisión.

3.-Os premios serán outorgados a aqueles concursantes que en base a 10 puntos por cada

concepto, acaden a máxima global segundo os seguintes criterios de valoración:

ORIXINALIDADE E INNOVACIÓN

ILUMINACIÓN

COMERCIAL E DE EXPOSICIÓN DO PROPIO PRODUTO .

4.-As deliberacións do xurado serán secretas e as súas decisións inapelables en todo caso,

podendo declarar desertos todos ou cada un dos premios previstos.

5.-Tendo en conta as diferenzas existentes entre os distintos comercios e os produtos que

se poden expoñer, valoraranse os medios e recursos cos que se contan así como o esforzo

feito en cada traballo.

 

ENTREGA DOS PREMIOS

 

Os premios serán entregados o día 4 de xaneiro de 2018, no Salón de Plenos do Concello previa comunicación de resultados.

 

 

 COMPOSICIÓN DO XURADO

 

O xurado estará composto por varias persoas, mínimo tres, con cualificación suficiente para saber valorar os traballos que se expoñan. Na presente edición estará integrado polo  alumnado e profesorado  do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais  do IES Pintor Colmeiro de Silleda, coa limitación de que non poderán  ter relación directa cos participantes  dos escaparates.

Estará presidido polo Alcalde do Concello de Silleda ou persoa en quen delegue.

 

 

CONDICIÓNS XERAIS

 

1.-Só entrarán en concurso escaparates de exterior.

2.-Deberán estar elaborados na semana do día 6 de Decembro do 2017, data a partir da que  a organización determinará os que entren a participar, e permanecerán en exposición ata o día 5 de Xaneiro do 2018. Durante estes días, intentarase non modificar o escaparate concursante en canto ó contido  e non poderán engadirse carteis ou reclamos que modifiquen o verdadeiro  espírito do concurso.

3.-Nos deseños ou exposicións deberán ofrecerse detalles alusivos ás festas do momento,con presenza obrigada de produtos de venda do establecemento, sendo libre a temática a empregar. Valorarase o esforzo por renovar os escaparates e o uso do galego nas mensaxes.

4.-Co ánimo de favorecer a participación masiva, só se poderá conceder un premio por comercio, aínda que prepare varios escaparates, podendo obter máis, se dita empresa tivese sucursais, suposto no que sería considerado coma un concursante distinto.

No suposto de contar un establecemento con varios escaparates, entrará a concurso un deles, o cal será claramente diferenciado do resto. Neste caso a comisión terá en conta esta circunstancia.

5.-Tamén co desexo de dar maior promoción ó comercio do concello, deberán manterse iluminados os escaparates, ata as nove da noite.

6.-A participación no Concurso supón a total aceptación das presentes bases.

 

ORGANIZA: CONCELLERÍA DE COMERCIO.Concello de Silleda.  

 

COLABORAN:

*HOTEL VIA ARGENTUM

* ESTACIÓN DE SERVICIO SILLEDA

                   * Ciclo  Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais

                     do  IES PINTOR COLMEIRO  de Silleda.

 

 

O Concello de Silleda colocou colectores solares de auga quente sanitaria nos campos de fútbol de Laro e Lamela

 

Silleda, 30  de outubro de 2017.  O Concello de Silleda continúa apostando polas enerxías renovables. Así nas últimas semanas proceduse  á colocación de colectores solares para quentamento de Auga Quente Sanitaria (AQS) nos campos de fútbol de Mularedos (Lamela) e Agronovo (Laro).

Este proxecto, cunha inversión de máis de 9.000 euros en cada un dos campos, conta coa subvención do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), segundo resolución de concesión de subvención de data 31 de xullo de 2017,  publicada no DOG de 9 de agosto de 2017.

O contrato ascende á contía de 16.100,66  euros, ao que hai que añadir 3.381,14 € de IVE (50% cada actuación)

 “Con estas actuacións, ademais de seguir apostando polas enerxías limpas melloraremos notablemente estas dúas instalacións deportivas”, indica o alcalde Manuel Cuiña.

Nos últimos anos o Concello de Silleda dotou de caldeiras de biomasa distintos edificios públicos, así como placas fotovoltáicas en puntos coma o Parque Empresarial Área 33. Así mesmo, o Concello de Silleda concorreu á liña de subvencións para crear unha rede de calor na zona deportiva de Silleda, cun ambicioso proxecto de enerxía térmica con equipos de xeración de biomasa. Tratarías de crear un rede de calor "District Heating" no entorno da zona deportiva da vila de Silleda, coa que subministrar calefacción e auga quente sanitaria a varios edificios.

O CC Trasdeza entregou máis de 400 kilos de alimentos ao programa Silleda Solidaria

 

Silleda, 4 de outubro de 2017.  O Club Cicliclista Trasdeza entregou ao programa municipal Silleda Solidaria máis de 400 kilos de alimentos non perecedeiros que foron aportados polos participantes na Ruta Solidaria BTT Trasdeza que se celebrou o pasado domingo.

A concelleira de Deportes, Ana Luisa González, recolleu os alimentos donados e agradeceu tanto á organización coma a todos os participantes na ruta a súa aportación.

“Esta iniciativa que aúna deporte e solidariedade está xa plenamente consolidada no calendario de Silleda e avalada polo éxito da organización, tal e como quedou demostrado nesta última edición”, engade a concelleira.

A cita do domingo bateu récords de participación con preto de 250 participantes que percorreron lugares emblemáticos do municipio coma o mosteiro de Carboeiro, o mirador da fervenza do Toxa ou o recinto Feira Internacional Abanca, pasando polos decorados da serie El Final del Camino.

Ao remate o avituallamento contou coa degustación de panceta con bola de Escuadro, una iniciativa coa que dende o Concello de Silleda se promocionaban tamén os produtos e festas locais.

Os alimentos recollidos están xa no banco de Silleda Solidaria, dende onde se irán repartindo as familias usuarias deste programa.

 

Catorce silledenses participan ata final de outubro na mostra de artistas autodidactas

Silleda, 4 de outubro de 2017.  Este venres día 6 inaugúrase na Casa da Cultura de Silleda a mostra colectiva de arte, expresión artística, pictórica e clásica con autores e autoras autodidactas veciños do municipio silledense.  A inauguración está prevista para as 19:00 horas.

A exposición, con obras de pintura e tamén esculturas, contará coa participación de 14 veciños e veciñas do municipio de distintas idades. Así participan Beatriz Mosquera Mosquera, Kimberly Shuling Mosquera (a máis benxamina con 10 anos de idade); Luis Brey González; Carolina Cabaleiro López;Juan José Liñares Nieto;Victoria Cachafeiro Vidal;Antonio Costoya González;María José Márquez Rey;Olga Ramos Lareo; Isabel Ramos Lareo; Asiel López Castro;Teresa Caramés Maceira; Luisa Iglesias Míguez e Benigno Souto Fariñas, sendo este último o máis veterano con 86 anos de idade.

A exposición, con preto dunha trintena de obras,  poderá verse na sala Pintor Colmeiro ata o vindeiro 31 de outubro, en horario de 09:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas (de luns a venres) e os sábados pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas.

O Concello de Silleda abriu o pasado mes de xuño o prazo para que todos aqueles veciños e veciñas  afeccionados á pintura ou a artes coma a talla poidan participar nesta  mostra colectiva de autores locais amateurs.

A iniciativa xurdiu da man de dous pintores autodidactas que fixeron a proposta e contou co apoio do Concello.

“Con esta iniciativa estamos a promocionar e a difundir a creación dos nosos autores, neste caso de veciños e veciñas que estamos seguros que nos sorprenderán coa súa faceta como artistas”, indica a concelleira de Cultura, Ana Luisa González.

 

A VII Festa do Tractor celebrarase o 10 de setembro cun roteiro entre Graba e Xestoso

Silleda, 4 de setembro de 2017.   Silleda volve acoller unha nova edición da ruta de tractores clásicos, organizada dende a Asociación Galega de Maquinaria Agrícola Clásica (Agamac). A cita será o vindeiro domingo día 10 de setembro e comezará sobre as 10:30 coa concentración de tractores clásicos no campo da festa da parroquia de Graba.

A continuación, os participantes iniciarán a ruta ata Xestoso, pasando por Escuadro. En Xestoso, onde está previsto que remate o periplo sobre as 12:30 horas expoñeranse os tractores  clásicos participantes.

Dado que o certame se caracterizou como Festa do Tractor, na cita que alcanza a séptima edición , poden  participar todos aqueles agricultores que desexen acudir cos seus vehículos.

Ademais de poñer en valor os históricos vehículos relacionados co noso agro, esta iniciativa tamén ten como obxectivo a promoción de enclaves turísticos do municipio. Así, en anos anteriores os tractores antigos chegaron a Xestoso dende o mosteiro de Carboeiro ou a Ferveza do Toxa.

Na ruta silledense está prevista a participación de tractores antigos restaurados chegados dende distintos puntos da xeografía galega.

Ao remate da ruta en Xestoso, que celebra a súa festa patronal nesta data,  está previsto un xantar de confraternidade. Para participar as persoas interesadas poden anotarse chamando ao 649 932307 ou ao 600 648380. 

O ciclo de cinema galego continúa este venres en Silleda coa proxección de O Apóstolo

Silleda,  4 de setembro de 2017.  A Concellería de Normalización Lingüística de Silleda, que dirixe a concelleira Pilar Peón, continúa coa programación do ciclo de cinema de producción galega.

Logo do inicio o pasado 16 de agosto na Bandeira con Os Fenómenos, a iniciativa segue este venres día 8 na praza Juan Salgueiro de Silleda, onde ás 21:00 horas se proxectará  “O Apóstolo”, o primeiro filme de animación stop-motion en tres dimensións realizado en Europa.

Esta película estrenouse no ano 2012 en  80 salas, logo de 4 anos de intenso traballo do equipo, baixo a dirección de Fernando Cortizo.

En O Apóstolo, no que participan actores como Carlos Blanco, Paul Naschy, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Celso Bugallo, Manquiña, Luisa Tosar ou Geraldine Chaplin., un preso foxe do cárcere para tentar atopar un tesouro agochado vai anos nunha aldea do Camiño de Santiago. Misterios,, estrañas desaparicións, trasnos, un cura estraño e o arcipreste de Santiago xúntanse no camiño. Mmisterio, humor, animación e invención están presentes neste fil, que acadou premios coma o do XI Festival de Cine Español de Marsella, o premio á Mellor Película de Animación no XXII Festival Internacional de Cine de Animación Animamundi (Brasil) e varios premios Mestre Mateo, entre outros.

 

 Tamén  o vindeiro día 21 está prevista outra proxección  coincidindo co Día Internacional do Alzhéimer. Neste caso proxectarase a longametraxe de animación “Arrugas”, o exitoso traballo de Ignacio Ferreras baseado na novela gráfica de Paco Roca. A cita será ás 18:30 horas na Casa da Xuventude de Silleda. 

A Ruta Solidaria BTT Trasdeza volta o día 1 de outubro

Silleda, 3 de setembro de 2017. A Ruta Solidaria BTT Trasdeza volta a Silleda o vindeiro domingo día 1 de outubro. A cita, organizada polo Club Ciclista Trasdeza  e que celebra a súa cuarta edición, foi presentada hoxe aproveitando a celebración da cita dentro da campaña Juntos en el asfalto, de Hyundai España, unha iniciativa social que promove a convivencia entre ciclistas e condutores para previr accidentes na carretera.

Nesta cita, o CC Trasdeza convidou a participar a varios clubes da zona para realizar acompañados por un coche de apoio de Hyundai nun percorrido duns 70 kilómetros que partiu esta mañá dende a praza da igrexa de Silleda. Preto de 40 ciclistas procedentes do clube organizador, do Extol La Gramola, Montes do Deza e Pazo de Anzuxao partiron cara a Laro para continuar por Lalín, Vila de Cruces, Merza, A Bandeira e voltar a Silleda, onde compartiron pinchos no restaurante Carballeira do Chousiño.

No marco desta celebración, que contou coa asistencia da concelleira de Deportes de Silleda, Ana Luisa González, presentouse a ruta solidaria, que contará con dous percorridos. A ruta longa será de 42 kilómetros e a corta de 30 kilómetros. A saída será dende o Campo de fútbol de Outeiriño, en Silleda ás 09:30 horas, percorrendo lugares emblemáticos coma o mosteiro de Carboeiro ou a Fervenza do Toxa. Haberá 3 avituallamentos (sólidos e líquidos), lavado e bicis e servizo de duchas, entre outros. A inscrición está limitada a 300 participantes. Tamén se entregarán trofeos aos gañadores nas dúas modalidades.

Para participar é preciso inscribirse (as persoas interesadas poden facelo a través da web bttrasdeza.galitiming.com). A inscición custa 8 euros máis un kilo de alimentos non perecedeiros, que se entregarán como vén sendo habitual ao banco de alimentos do programa municipal Silleda Solidaria.

Dende o Concello de Silleda, Ana Luisa González, agradeceu a iniciativa da entidade local “que nos últimos anos vén organizando esta celebración cun grande éxito”, engade. O pasado ano foron 200 as persoas que participaron na ruta solidaria aportando máis de 300 kilos de alimentos.

Vehículo de apoio

Coa celebración da cita de hoxe o CC Trasdeza súmase aos clubs españoles  que están a participar na campaña Juntos en el asfalto, a través da que a marca coreana de pon a disposición dos clubes ciclistas un vehículo de apoio, un Hyundai i30 Wagon, que dispón dunha grande cantidade de axudas á conducción e seguridade activa, coma o sistema de frendado de emerxencia, aviso de colisión, sistema de cambio involuntario de carril cambio involuntario de carril.

Esta iniciativa a nivel nacional está liderada polo ex ciclista profesional Perico Delgado e apoiada entre outros pola Dirección General de Tráfico Fundación Mapfre,  as asociación de víctimas Stop Accidentes, AESLEME e a  Asociación de Ciclistas Profesionales (ACP).

O Concello de Silleda inicia a recuperación do núcleo histórico de O Foxo

Silleda,  2 de setembro de 2017.  O Concello de Silleda iniciará a vindeira semana os traballos enmarcados no proxecto de recuperación do núcleo histórico de O Foxo. Esta primeira actuación levarase a cabo con fondos municipais e cunha subvención da Deputación de Pontevedra para comezar a poñer en valor esta poboación que gran relevancia ata principios do século XIX, atravesada ademais polo Camiño de Santiago.

O alcalde, Manuel Cuiña, acompañado do edil de Obras, Klaus Brey, e do arquitecto municipal, mantiveron en días pasados un encontro cos veciños e veciñas desta localidade, pertencente á parroquia de Silleda, para explicar as líñas xerais da iniciativa.

“Esta primeira intervención, prevista dende hai tempo pero que tivo que agardar polos pertinentes permisos doutras Administracións servirá para iniciar a rehabilitación deste lugar histórico”, indica o rexedor.

As actuacións que se acometerán inclúen a recuperación do tramo da calzada medieval que cruza o poboado. Á restauración do antigo pavimento sumarase a canalización de augas pluviais mediante presas construídas en pedra.  Así mesmo o proxecto inclúe a restauración do lavadoiro, acondicionando esta construcción con elementos tradicionais, e recuperándoo como lugar de encontro veciñal e zona de esparcimento para os moitos peregrinos que atravesan o Foxo cara a Compostela. Xunto coa posta en valor deste espazo público, tamén se recuperará a fonte da Botica, coa limpeza e restauración desta construcción histórica, que voltará á súa ubicación orixinal e contará cun pulsador de auga conectada á traída municipal para dar servizo a veciños e peregrinos. “Esta era tamén unha das grandes demandas do lugar”, lembra o alcalde.

Seguemento arqueolóxico

As obras, das que resultou adxudicataria a empresa Construccións Rey Rozados, contarán ademais con seguimento arqueolóxico, coa preceptiva supervisión dada a importancia histórica e patrimonial deste núcleo.

Tamén se inclue a dotación de novo mobiliario, como un banco que se ubicará no entorno do lavadoiro.

Dende o Concello lémbrase que as intervencións proxectadas e que comenzarán nos vindeiros días son actuacións denominadas de fomento, con participación de fondos públicos coas que se incentiva tamén á veciñanza a iniciar pouco a pouco o adecentamento e recuperación do territorio.

Rede de saneamento

Durante a xuntanza, Cuiña tamén avanzou outra destacada mellora. Así, explicou que se prevé dotar a este núcleo de poboación de saneamento utilizando un sistema con tres depósitos de decantación. Este mecanismo de depuración funciona por gravidade, co que se aforrarían gastos de matnemento ao non precisar conexión á rede eléctrica.

O alcalde sinalou que no caso de contar co visto bo da Administración Autonómica as obras poderían estar en marcha xa na vindeira primavera.

“Por la situación xeográfica de O Foxo cremos que é un sistema axeitado, e no caso de contar cos permisos buscaríamos unha finca axeitada para a instalación destas balsas”, adiantou.

Así mesmo, Cuiña advirte que este sistema podería poñerse en marcha a modo de proxecto piloto para implantar noutros núcleos pequenos de poboación do rural, “nos que poderiamos ir pouco a pouco extendendo este servizo”, engade.

As intervencións previstas en O Foxo, sumando a dotación do  alcantarillado situánse en 100.000 euros.

Importancia histórica

En O Foxo de Deza, durante a pertenza de Trasdeza á provincia de Santiago, existía Administrador Real, xuíz, botica, estanco e estafeta de Correos con cobros de Portádego para o arzobispo de Compostela e o señor Sarmiento, dono da entón poderosa fortaleza de Costela. Tamén se ubicou aquí o cuartel da Garda Civil. Alí estivo a sede do Concello dende a nova demarcación provincial de 1833 ata 1884.

Diversas fontes destacan a súa importancia como cruzamento de importantes camiños medievais, paso obrigado de arrieiros e Camiño Real, que unía Castela con Compostela. Constitúe un tipo de asentamento chamado rueiro, característico de hábitat con concentración de vivendas á carón dunha rúa principal. 

Carboeiro bate o récord absoluto de visitantes en agosto con 3.303 entradas

Silleda, 1 de setembro de 2017.  O mosteiro de Carboeiro batiu neste mes de agosto o récord absoluto de visitas no mes de verán por excelencia. Así, nos 31 días de agosto rexistráronse un total de 3.303 entradas, cifra nunha antes vista dende que se fan estadísticas das visitas a este enclave patrimonial.

O segundo mes deste ano con máis visitas foi abril (coincidindo coa Semana Santa) con 2.224 entradas, seguido de xullo, con 2.107 e maio, con 1.904. En xullo foron 1.786 as persoas que se achegaron ata o mosteiro nun ano tamén excepcional en canto á climatoloxía con outro balance moi positivo no primeiro trimestre do ano, con máis de 2.300 entradas nos tres meses.

“Como xa se prevía, Carboeiro segue a confirmarse como o gran buque insignia do turismo na nosa comarca”, sinala a concelleira de Turismo, Ana Luisa González, “tal e como se lle recordou a semana pasada ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante a súa visita ao mosteiro”, lembra a concelleira.

Novo horario

O mosteiro de Carboeiro aplica ademais dende hoxe novo horario. Así estará aberto ao público, ao igual que nos últimos dous meses de martes a domingo, de 11:00 a 14:30 horas; e pola tarde adiantase a hora de peche, estando a entrada disponible de 16:30 a 19:00 horas.

A igrexa do templo románico, o claustro, e tamén a ponte do Demo xunto co fermoso entorno natural de Carboeiro seguen a cautivar a milleiros de visitantes cada ano procedentes tando de Galicia como de diversas comunidades autónomas e países do extranxeiro. 

O Concello investirá máis de 170.000 euros na mellora dos accesos ao núcleo de Siador

Silleda, 30 de agosto de 2017.  O Concello de Silleda mellorará os accesos e pistas entre entre as vivendas do núcleo de Siador. Logo de estudar a situación dos viais, con graves desperfectos, nunha xuntanza o pasado mes de xuño, o alcalde, Manuel Cuiña e o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, volveron a reunirse cos veciños e veciñas para presentarlles xa o proxecto de actuación.

A inversión total supera os 170.000 euros, executándose a obra en dúas fases. Nunha primeira, que se realizará xa este ano, mellorarase o acceso principal ao lugar, ancheando a vía e construindo un muro de contención. “Está actuación é moi necesaria xa que a pista, tal e como está, corre o risco de derrubarse”, indica o alcalde. O acceso principal, con fondos baches, dotarase de aglomerado, barandillas para o citado muro, e as correspondentes canalizacións. A inversión nesta primeira fase será de 115.000 euros.

Cuiña avanzou que o proxecto se aprobará na vindeira xunta de goberno local e que a actuación restante, coa que se mellorará todo o viario que transcurre entre as vivendas, se incluirá, cunha dotación aproximada doutros 60.000 euros, no orzamento municipal de 2018.

Nese caso o viario entre as vivendas –de escasas dimensións-mellorarase con formigonado.

Esta actuación acometese con fondos propios municipais, “co ánimo de seguir mellorando a nosa extensa rede viaria do rural”, engade Cuiña. 

 Ir á páxina seguinte Ir á última páxina